«A miña achega é mínima en relación coa xenerosidade dos veciños»

Elena Silveira
elena silveira OLEIROS / LA VOZ

OLEIROS

MARCOS MÍGUEZ

Xubilada dende hai unha década, a exrexedora doou ao Concello parcelas en Iñás e en Santa Cruz, onde vive

14 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Esther Pita Pita está a punto de cumprir 74 anos. Será o próximo martes, día 23. Di que non ten ganas de lerias, porque se resinte da saúde e nota a falta do seu compañeiro sentimental, finado hai dous anos. Pero aínda que di non ter folgos, o seu espírito segue tan guerrilleiro como cando fundou no ano 1976 Alternativa dos Veciños xunto con Ángel García Seoane. Corenta anos despois daquelas primeiras loitas, acaba de doar dúas parcelas ao Concello de Oleiros, unha no centro urbano de Santa Cruz e outra en Iñás, no parque dos veciños.

-Poucos políticos son tan xenerosos co seu pobo...

-É unha achega mínima en comparación coa xenerosidade e colaboración dos veciños. Porque Oleiros, se ten algunha cousa boa, é que a maioría dos servizos conseguíronse cos terreos aportados voluntariamente pola xente.

-¿E como se lles consegue convencer para que o fagan?

-Estando ao seu lado e falando con eles. É certo tamén que Oleiros sempre foi un pobo moi san, moi participativo.

-¿Como foron aqueles primeiros anos do movemento veciñal, na década dos setenta?

-Foron anos moi duros. Eu coñecín a Gelo no ano 1976 e formamos o movemento veciñal para as eleccións do 79, as primeiras da democracia. Por un motivo inxusto el foi inhabilitado e eu fun a alcaldesa. Pero sempre coa condición de que sería por un tempo e despois marcharía para a casa.

-¿Pero tiña inquedanzas políticas?

-De rapaza vivín en contacto con moita xente. O meu pai marchou a Venezuela cando eu tiña catro anos e morreu alí. Ao estanco da miña nai viñan persoas de todo tipo e vivíamos no baixo da sala de baile e do Café Capitol, que tamén era moi frecuentado, e a min encantábame escoitar aos maiores. Xa mociña ingresei na Escola de Comercio na Coruña e no coche de liña fun coñecendo tamén a moitos veciños do resto de Oleiros. Traballei na Telefónica do pobo e como sempre tiven moitas inquedanzas acabei formando parte do movemento veciñal... E así foi como ingresei na política.

-¿Como recorda esa etapa?

-Tiven que afrontar asuntos fastidiados coa oposición, pero sempre coas cousas moi claras e con respecto. De feito creo que me teñen un cariño especial. Penso que aportei o meu graíño de area.

-¡E que a xente a segue chamando alcaldesa!

-¡É que fun a primeira alcaldesa de Oleiros! Ademais, dentro dos gobernos locais hai as áreas do «non» e hai as áreas do «si». E eu levei sempre as concellerías máis amables.

-Entón García Seoane facía o papel de policía malo...

-Gelo é algo moi especial para min. É o meu fillo, o meu pai, o meu irmán... É unha persoa de carácter forte, pero moi sensible e que sempre di o que pensa. Pero precisamente Oleiros é o que é por persoas coma el.

-¿Sigue participando en Alternativa dos Veciños?

-Si, claro. Sigo indo ás asembleas e aos actos sociais. Teño diabetes, un trombo e vexo mal... A saúde non acompaña, por iso xa non vou tanto aos plenos.

-Despois de tanto o que acadaron... ¿que lle falta a Santa Cruz?

-Santa Cruz é un pobo moi cómodo para vivir, con todo tipo de servizos: centro de saúde, comercios, parques, o colexio que tanto nos custou conseguir... Pero sempre se pode pedir máis, como que se faga xa a rotonda no solar da antiga gasolineira. Que se faga o antes posible, pero que retiren os tanques soterrados, porque eu vivín a explosión que houbo no seu día e iso non pode quedar así. ¿E que se podería explotar mellor o peirao? Si, pero non se pode encher todo de cemento. E Santa Cruz nunca será unha praia de area, porque é un porto, e é importante conservar e respectar o que temos.