«Eu tamén cruzo a N-VI de forma ilegal para ir dun negocio a outro»

Elena Silveira
elena silveira OLEIROS / LA VOZ

OLEIROS

PACO RODRÍGUEZ

O rexedor anuncia mobilizacións para pedir melloras viarias en Perillo e acusa ao PP de dilatar a área metropolitana

24 oct 2016 . Actualizado a las 21:31 h.

Con 64 anos, rozando a xubilación, Ángel García Seoane di que non pensa en deixar a política: «Eu non me xubilo ata que morra». E avalado pola maioría absoluta de Alternativa dos Veciños, defende o éxito da súa xestión baseada na continuidade. ¿O seu grande logro? Ir xa polo terceiro PXOM. Pero a súa espada de Damocles agora mesmo, aínda que depende doutras Administracións, é remodelar a N-VI en Perillo.

-Dende o 2006 levan reclamando melloras no cruce del Sol y Mar.

-Voume tomar isto moi en serio. Como din cando se xoga á ruleta, No va más. Non podemos seguir así. A Coruña está totalmente esquecida polas Administracións.

-Será Oleiros...

-Non, me refiro a toda A Coruña porque a N-VI non é só de Oleiros, igual que Alfonso Molina non é só da Coruña. Dende O Seixal ata a zona de Guísamo xa está todo máis ou menos feito, pero falta todo o tramo de Perillo.

-Anunciou mobilizacións e curtes de tráfico.

-É que é case un insulto que esta vía estea como está. O primeiro que imos a facer a próxima semana é unha asemblea veciñal en Perillo. Aínda que eu son contrario a cortar o tráfico, levaremos a proposta de ocupar a vía, xustamente no cruce del Sol y Mar, unha vez ao mes durante uns minutos.

-Outras veces fixo parodias dos responsables do Ministerio de Fomento...

-Algo máis haberá que pensar ademais das concentracións cidadáns. Xa me está traballando o coco para elo.

-Parece que os vehículos xa non van tan rápido por esta vía dende que puxeron o radar. Pero a xente segue cruzando por zonas indebidas.

-É que hai que andar un quilómetro e medio para poder pasar por un paso de peóns ou por un paso elevado. Eu tamén cruzo a N-VI de forma ilegal para ir dun negocio a outro. É que é normal que a xente faga iso.

-Vostede nunca tivo pelos na lingua. Dígame qué pasa coa área metropolitana. ¿Por que xa non hai consenso?

-Todos os alcaldes queremos a área metropolitana. Todos. Pero intervén o politiqueo. E se isto é unha realidade tería a súa luz nas próximas eleccións municipais...

-Ten que haber algo máis que o simple «politiqueo», como di vostede.

-Este paso non se deu en 30 anos. O PP busca unha coartada para dilatar o proceso por razóns partidistas. Pero cos sete que estamos é suficiente para tirar para adiante. Arteixo terá que estar, tarde ou cedo. E posiblemente A Laracha ou Cerceda. Participarán Administracións superiores como a Xunta ou a Deputación, e non se poderán facer falcatruadas.

-¿Entendo que agora si se fan falcatruadas no Consorcio As Mariñas?

-Non, non. Non me refería ao Consorcio. O que digo é que onde participan moitos son máis difíciles as raterías...

-¿Xa se lle pasaron os desgustos que lle deron co hotel Maxi?

-Era un hotel e estase facendo un hotel.

-¿Canto lle falta á obra?

-É unha obra cara e complicada. Teñen que facer dous garaxes subterráneos cuns muros de contención tremendos. Polo menos tardarán un ano.

-¿E o campo de golf de Xaz? Esa obra si que parece a do Escorial...

-Pois a rehabilitación do hotel está case rematada. E posiblemente nun mes comezarán os traballos de urbanización dos servizos. Os propietarios están pendentes de facer unha asemblea para acordar o contrato, así que antes de finais de ano posiblemente entren as máquinas nas parcelas. Alí se farán máis de 600 vivendas, das que 70 serán pisos protexidos porque son os que lle corresponderán ao Concello de Oleiros.

«Chegamos ata un punto no que xa case non temos que expropiar os terreos»

Tras a decepción por quedar fóra dos fondos europeos Edusi, o alcalde de Oleiros volve ter posta a mirada no potencial urbanístico do municipio. De feito, segundo confirmou, trala crise dos últimos anos a construción volve repuntar neste concello. No que vai de ano concedéronse xa 65 licenzas de obra para construír promocións de vivendas ou casas unifamiliares.

-Constrúese... ¿pero cómpranse as vivendas?

-Si, hai compravenda. O mercado inmobiliario estase volvendo a mover e as vivendas estanse pagando ben para a crise que houbo: adosados por 270.000 euros e pisos por 180.000 euros, de media. Temos promocións en Meixonfrío, en Iñás, ao lado da vía Ártabra, en Perillo, en Mera... Ademais, Oleiros aumentou en máis de 500 persoas o número de habitantes nestes anos.

-Esta é a vantaxe de ter un PXOM.

-Normalmente conseguimos os terreos a través dos convenios urbanísticos. Eu calculo que teremos más de 700.000 metros cadrados en espazos entregados ou que nos teñen que entregar. Pero o curioso é que nós xestionamos o solo cos veciños, que xa nos ceden voluntariamente os terreos para facer as obras (beirarrúas, beiravías...) e iso facilita as cousas. De feito, chegamos ata un punto no que xa case non temos que expropiar os terreos. As expropiacións son procesos longuísimos e, en cambio, nós podemos ter a disposición un terreo nun prazo dun mes a cinco meses.

-Pois en Bastiagueiriño fan unha expropiación bastante importante e un tanto polémica.

-É un caso diferente, porque alí non hai mecanismos de compensación. É unha zona de Costas que no seu día era urbanizable, pero agora non o é. Hai tres vivendas fóra de ordenación, pero que de momento non se van expropiar.