Vellos na cidade, mocidade nas periferias

Manuel G. Docampo SOCIÓLOGO E PROFESOR UDC

OLEIROS

01 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

As cidades van incrementando paseniñamente a idade media da súa poboación. Cada ano subimos 2 ou 3 décimas. O avellentamento é un proceso de escala europea. Non nacen nenos, polo tanto a promedio sube por arriba. Ademais, produciuse un fenómeno de desconcentración que levou a moita xente nova ás periferias das cidades. Entre eles e os seus fillos converteron a eses concellos nos máis dinámicos, demograficamente. Fóra, no rural, 4 de cada 10 persoas son maiores de 60 anos.

¿Por que marchou tanta xente aos concellos periféricos? Hai tres posibilidades. A primeira é por unha cuestión de prezos da vivenda; demasiado elevados na cidade central, obrigando a unha parte a procurar alternativas máis económicas. A segunda refírese a unha inadecuación da oferta, o que explicaría, tamén, por que xente con elevados recursos marcha: na cidade central hai pouca oferta de grandes vivendas e moito menos con xardín e piscina. Por último, hai cuestións de preferencias individuais, de gustos ou de motivacións moi persoais e particulares para cada caso que van dende querer vivir rodeado de verde ou facelo preto do traballo.

¿Ese proceso continuará ou volverán os que se foron? O futuro é inexcrutable pero todo aparenta, polo que vemos noutras latitudes, que non haberá grandes cambios. Na actualidade, a expulsión de xente nova é comedida, equilibrada, cun número similar de entradas e de saídas. Tampouco é de esperar que volvan os que marcharon, porque o nivel de satisfacción co seu hábitat é constatable.

O crecemento da periferia será, non obstante, similar ao da cidade central, unha vez que esta entenda e atalle as razón que xeraron as migracións. Entre ela e os seus concellos limítrofes construíse unha nova entidade territorial que é a área urbana; esta constitúe a auténtica cidade real, aínda moi desconectada internamente, pero cunha notable identidade da cidadanía coa mesma.

¿Hai diferenzas sociais entre as distintas partes da cidade? Obviamente, si. En xeral, na Coruña, o ensanche ten un perfil máis elevado que barrios populares, como os situados entre as dúas rondas. Non obstante, en zonas historicamente degradadas comezan a percibirse procesos de substitución poboacional con novos residentes de maior poder adquisitivo. É o que os sociólogos denominamos gentrification. Esta é detectada tanto na Peixería, como na Cidade Vella. Fóra da cidade central, os concellos periféricos tamén mostran un perfil diferenciado. En xeral, fronte a un norte máis rico (Oleiros-Sada) o sur amosa unha faciana máis propia de clases traballadores (Arteixo-Laracha).

Avellentar é chegar a vellos; algo a onde todo o mozo lle gustaría chegar pero que cando se achega, o asume, cando menos, con resignación. As cidades, como a sociedade mesma, avellentan; luxo que temos que aprender a valorar.