«No PSOE de Culleredo cada día hai menos de esquerdas»

CULLEREDO

Rosa Gallego

Non levou ben a integración de APdC no goberno local e tras distanciarse de Sacristán, cambia a rosa por García Seoane

23 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Alicia Ferreiro (Abegondo, 1961) xa non é concelleira en Culleredo. Tanto ela como Narciso Marzoa foron cesados polo alcalde, Julio Sacristán, despois de que se fixera oficial que Ferreiro será a candidata de Alternativa dos Veciños en Culleredo nas próximas eleccións municipais. Asegura que a súa decisión é unha consecuencia lóxica dos dous últimos anos.

-Di que a súa candidatura en Alternativa non é unha sorpresa.

-Nin é novo nin é sorprendente. É a consecuencia lóxica dos dous últimos anos, porque creo que en política non vale todo.

-Pero vostede sempre foi moi socialista. Foi número 8 nas listas para o Parlamento galego.

-Eu son moi de esquerdas. E é o que quero ser. E cada día se ven menos de esquerdas no PSOE. Especialmente en Culleredo.

-Era público o seu desencontro con APdC, o socio de goberno.

-Dende o primeiro momento se cambiaron as directrices, pero sen saber onde íamos. Moitas cousas que eu fixen, como os camiños seguros, esnaquizáronse por un cambio de ideoloxía, supoño. Porque é difícil traballar con alguén que non se sabe cara onde vai cambiáronse a directrices. Eu creo nas equipas, non nos personalismos.

-Pois Alternativa dos Veciños ten unha cabeza ben visible e personalista.

-O que me gusta de Alternativa dos Veciños é a súa ideoloxía e como está Oleiros. E se consigo que Vilaboa se pareza un pouco a Oleiros dareime por satisfeita.

-Algúns pensarán que o seu é transfuguismo.

-Que eu saiba non me cambiei dun lado a outro. Deberían mirar á militancia que hai no PSOE e con qué votos saíu Besteiro na provincial.

-¿Cree que os concelleiros de APdC son afíns ao PP, que son eles os que controlan o PSOE en Culleredo?

-APdC se describía como un partido nin de esquerdas nin de dereitas. O que hai que ver é se o PSOE foi absorbido por APdC.

-O caso é que as conversas comezaron cando Marzoa e vostede souberon que non ían nas listas do PSOE.

-É verdade que houbo conversas, pero ata o último día non foi definitivo. A idea era a unión de esquerdas. De feito, falouse con EU, a Marea... pero non se chegou a nada.