Xulio Ferreiro «Non ten sentido que o único proxecto da oposición sexa facerllo pasar mal ao goberno»

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

César Quian< / span>

«O normal é que un alcalde cun só mandato e en exercicio tente revalidar esa encomenda»

21 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Xulio Ferreiro (A Coruña, 1974) é alcalde da Coruña e voceiro da Marea Atlántica. Dous anos despois das eleccións, resposta no salón Abelenda de María Pita.

-¿Como se recordarán estes anos?

-Polo cambio, a propia Voz de Galicia titulou «cambio histórico». Que unha candidatura cidadá creada desde abaixo pasase de non ter representación a gobernar é algo digno de recordar. Pero houbo moitas máis cousas nestes dous anos que poden ser lembradas, como a normalidade no trato do Concello co idioma propio, a renda social, a memoria histórica, un pulo cultural que está a poñer a cidade como referencia, o maior número de visitantes e un longo etcétera.

-¿E como deben ser recordados os dous próximos anos?

-Serán os anos nos que se solucionou, ou se puxeron os alicerces para a incorporación dos terreos do porto, para a área metropolitana e para que se poda empezar a ver a Coruña Próxima, [o proxecto] que compendia esa actividade do goberno municipal dunha cidade máis próxima á xente e ao mundo que a rodea.

-¿Non sería máis sinxelo cun acordo estable co PSOE?

-Gustaríame que as cousas co PSOE fosen máis fáciles, pero non o están sendo. Cada vez que se dá un paso cara diante logo ven outro para atrás. A situación interna do PSOE non axuda e a situación de ambivalencia entre apoiar ao goberno ou ser oposición esta aí dende o principio. Espero ir reconducindo as cousas pouco a pouco. Non se trata de que sufran o goberno o eu como alcalde, trátase de que [a situación] ten consecuencias para a cidade e nos proxectos.

-Tampouco hai boa relación cos gobernos do PP e iso retarda os proxectos. ¿Que solución hai?

-Depende de quen depende. O PP non ten proxecto para a cidade. O seu único proxecto é atacar ó goberno da Marea Atlántica e a única parálise da cidade está causada polos gobernos autonómico e central. Levamos meses esperando pola intermodal, a área metropolitana está bloqueada polo PP, que non recoñece A Coruña o mesmo que a Vigo. Chegamos a un acordo sobre Alfonso Molina hai un ano e seguimos a esperar. O PP non aposta por integrar os terreos do porto, non sabemos nada da ría do Burgo, levamos meses a ver se podemos falar coa conselleira do plan de transporte metropolitano... son mostras de que non apostan pola Coruña.

-O PSOE sostén que teñen unha estratexia de confrontación.

-O da estratexia escóitoo e léoo nalgún sito, pero creo que é outorgarnos unha liña estratéxica máis alá do que está nas nosas cabezas, o ideal sería un marco de estabilidade e incluso que o PSOE puidese demostrar que ten cousas que ofrecer á cidade. Se isto fose buscado eu estaríalle dando clases a Maquiavelo.

-Di que a parálise é cousa dos gobernos do PP, pero a execución do orzamento no 2016 foi baixa.

-Os datos de execución na metade do primeiro ano foron superiores aos do PP e no segundo ano foron semellantes aos do PP por unhas décimas, coa diferenza de que non tivemos un orzamento ata ben entrado o ano, e as emendas cruzadas do PP e do PSOE fixeron máis difícil executar os investimentos. Aprobóusenos diñeiro para facer as obras, pero non para facer os proxectos das obras, e aínda así foi semellante.

-A concesión de licenzas caeu e houbo queixas dos empresarios.

-No primeiro trimestre deste ano a media é de 80 licenzas ao mes. A media dos últimos anos do mandato anterior foi de pouco máis de 40. Hoxe saen de Urbanismo máis contestacións das que entran. Sobre a execución dos investimentos xa sabemos o que pasou. Pero en cifras globais estamos á par de Vigo e este ano esas asociacións recoñeceron que A Coruña licita máis obra pública que o resto das urbes galegas. Son signos de que a pouco aire que teñamos as cousas saen.

-A EPA di que o 2016 rematou con máis paro que cando chegaron.

-A EPA é unha enquisa que a propia entidade responsable de facela di que non vale a nivel local. O paro rexistrado dinos que cando entramos o desemprego era do 20 % e hoxe hai un 12,5 %, uns 3.000 parados menos. É insuficiente, pero o certo é que o paro é menor e hai máis filiacións á Seguridade Social. Non é só mérito do goberno, pero está claro que non é un impedimento.

-¿Mantén o compromiso de volver a ser candidato no 2019?

-Adquirín o compromiso de non presentarme máis de dúas veces. O normal é que un alcalde en exercicio cun só mandato intente revalidar esa encomenda. Será a Marea a que decida se confía de novo en min. En todo caso, creo que dous mandatos son un período razoable para que un proxecto de cidade deixe pegada.

-¿Preferiría de rival polo PP a Rosa Gallego ou a Beatriz Mato?

-Non é unha decisión que me corresponda. Pero parte desa falta de proxecto demostrase en que o PP nin confiou na súa voceira. O único que se lles ocorreu foi traer a unha persoa de Santiago, dunha consellería que non destaca polo seu compromiso coa Coruña. Augas de Galicia leva anos sen investir na cidade. E o máis que se lle coñece a Beatriz Mato é votar a favor de vender a Solana a unha empresa privada.

-¿A cuestión de confianza non buscaba demostrar que non hai alternativa ao goberno da Marea?

-Cando a convoquei non sabía se había alternativa ou non. Fíxeno para aprobar os orzamentos, pero tamén era unha chamada de atención a ter sentidiño. A ver se [PSOE e PP] se puñan de acordo ou deixan que os que estamos no goberno sigamos traballando, e abren un camiño de gobernabilidade. Ao final visualizouse que non hai alternativa ao goberno da Marea. E as outras forzas do pleno deberían actuar en consecuencia. Non ten sentido que o único proxecto para a cidade sexa facerllo pasar mal ao goberno.

«O ideal sería a cesión dos terreos do porto»

O alcalde defende a actuación do goberno local no conflito polos terreos do porto interior.

-Cando lle ofrecemos á Autoridade Portuaria o mesmo prezo pola que sacaban a poxa [A Solana] ninguén reaccionara en contra da venda. Dende entón pasaron moitas cousas. Esa oferta está enriba da mesa formalmente, pero a solución debe ser integral e garantir a titularidade e xestión pública dos terreos. O ideal sería que se cedesen os terreos e buscar outras fórmulas de financiamento para o porto.

-A comisión só propón a cesión gratuíta, como o BNG.

-Quen non goberna ten máis facilidades para o maximalismo nas reclamacións, e o movemento cidadá ten que tensionar ao goberno. Non hai contradición e demostra que non hai dirixismo desde o goberno por un movemento. Iso si, temos que buscar o xeito de que o movemento sexa aínda máis inclusivo, que se [na manifestación] fomos 4.000 a próxima vez sexamos 20.000.

-Dous anos con orzamentos en maio, ¿para cando en xaneiro?

-A nosa intención é levalos a pleno e que entren en vigor o 1 de xaneiro. Este ano apuramos para negociar cos grupos, e a cuestión de confianza foi un recurso para sacalos adiante. Dilatouse porque PP e PSOE decidiron agora o prazo, aínda que sabían que non chegarían a un acordo, e os retrasaron un mes máis.