«Estes documentais queren achegar que a medicina avanza, que hai esperanza»

A CORUÑA CIUDAD

O realizador brigantino gaba os avances e o investimento que se fan en China a nivel sanitario

30 ene 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Daniel López é un brigantino que agora vive en Miño e a el débenselle os documentais cos que se amosa o traballo do cirurxián torácico coruñés Diego González Rivas, impulsor dunha nova técnica de intervención minimamente invasiva, que o converteu nunha referencia a nivel internacional. Nestes momentos está promocionando o segundo traballo, Seven days, seven cities, rodado en China sobre a extensión nese país deste novo procedemento cirúrxico, denominado uniportal vats, seguindo o traballo de divulgación feito alí por González Rivas e o tamén cirurxián Timothy Yang.

?¿De onde xorde este traballo?

?É a segunda parte dun documental que fixen hai dous anos. O primeiro, This is life, narraba a aparición dunha nova técnica para operar o cancro de pulmón, creada na Coruña por un cirurxián de aquí, Diego González Rivas, que tivo unha grande expansión, e o segundo narra como, especialmente, en China sufriu un verdadeiro impacto e como acolleron esta técnica, como son os seus hospitais e os avances técnicos que teñen, especialmente, para a curación e prevención do cancro. Estes documentais, que son road-movies no que gravas o que acontece no momento, son totalmente altruístas, teñen un fin social.

?¿Pero o custe de seguir o cirurxián por China non debe ser pequeno?

?Non, facer 55.000 quilómetros e coller 16 avións non ten un custe pequeno, pero é unha produción que se fai pola implicación que ten cada un en relación con esta enfermidade.

?¿No seu caso cal é ese enlace?

?Por diferentes familiares que viviron esta enfermidade. Tiven a necesidade de poder achegar a xente que está na súa casa que a medicina segue avanzando, quería que tiveran a oportunidade de ver un material co que comprobasen que hai esperanza. Por iso se fixo tanto This is life, como Seven days.

?¿Como deu con Diego González Rivas?

?Pola miña profesión tiven que facerlle unha entrevista e conectamos moi ben porque estaba moi sensibilizado co tema do cancro. Pareceume grandioso que alguén entrase nun quirófano con cancro e saíse del sen ese tumor e que en dous días estivese na súa casa. Díxenlle que tiñámolo que documentar. Cando apareceu a penicilina ninguén estaba alí para gravalo, pero isto estaba ocorrendo agora e de feito a súa técnica cambiou a cirurxía torácica a nivel mundial.

?¿Que foi o que máis lle sorprendeu da medicina chinesa?

?O seu potencial, con números estratosféricos. Por exemplo, un hospital que aquí poida facer, como moito, 2.000 operacións ao ano, un de alí fai 500 ao día. Cousas como que ti entras nun hospital e hai unha máquina na porta que mira a túa temperatura corporal por se tes febre ou non, cousas impensables. Falamos de que para un chino un TAC custa 20 euros, invisten moito en prevención desta enfermidade, aínda que hai que ter en conta de que son moi fumadores, tamén.

?Sorprende o seu avance tecnolóxico.

?É espectacular. Eu vin como un cirurxián de Grecia opera como moito unha ou dúas veces cada dous meses e en Shanghai calquera cirurxián faino cinco veces o día e atende tamén a 80 doentes nas consultas externas.

?¿Defende o de aprender deles?

?Para min son os mellores do mundo, pola súa experiencia. A economía china é moi potente e inviste moitos recursos en prevención, en hospitais e nos avances técnicos. Quedei impresionando co volume dos hospitais, a súa estrutura tecnolóxica. Aquí non vin ningún hospital que para cirurxía torácica tivese 12 quirófanos funcionando ao mesmo tempo operando a 60 persoas, non se fai noutro lugar do mundo, só alí, ou ver un hospital operando en 100 quirófanos ao día.

Daniel López rodou todo o documental en solitario, xa que di que era moi complexo mover un equipo, e recoñece que o percorrido por China o impresionou.

?¿Houbo lugares que lle sorprenderan?

?Por exemplo no Tíbet enfróntaste a unha xente moi espiritual e cando teñen unha enfermidade o que lles queda é rezar, porque pasas da gran tecnoloxía no resto de China e alí parece que entras na Idade Media. Teñen só dous cirurxiáns en todo o Tíbet e aprendemos que a arma máis potente do seu humano, por riba da medicina, é a adaptación ao medio. E esa é unha mensaxe moi importante porque significa que non vas deixar de aprender, por máis que sexas o mellor cirurxián do mundo ou teñas a mellor tecnoloxía sempre tes que seguir investigando.

?¿Cal vai ser o percorrido do documental?

?A intención principal é que sexa un cine social, gratuíto, estará en Internet para que todo o mundo o poda ver en diferentes idiomas. Queremos que a xente que viva un cancro non se desespere e con este tipo de documental o que se pretende é tranquilizalos porque a medicina avanza. O que estamos facendo agora é un percorrido moi sinxelo porque a intención é poder compartir coa xente que veña as proxeccións as inquietudes da rodaxe, explicar como foi a gravación, como é a sanidade en China ou como responde o noso corpo a distintas situacións. Queremos facer presentacións moi próximas en distintos concellos.

?¿Vai a haber un terceiro documental?

?Ao comezo desta aventura, con This is Life, quedounos un bo sabor de boca e fixemos o segundo, non podo dicir que haxa continuidade, pero hai posibilidades dun terceiro para pechar o círculo.