«Non se pode escavar por escavar sen conservar o que temos»

claudia vázquez, a. a. A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

firma

Antón Malde está centrado no mantemento e a divulgación do patrimonio cultural

19 sep 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Antón Malde é experto en arqueoloxía e conservación do patrimonio cultural. Traballou nos proxectos de Pena Furada, onde descubriu a figura da Moura ou no Castro das Travesas, entre moitos outros.

-¿En que proxectos está inmerso agora mesmo?

-Neste momento non estou inmerso en ningunha investigación nova, pero estou centrado en tres grandes temas, fundamentais para min. O primeiro é a conservación e a investigación do patrimonio xa descuberto, o segundo, achegar os museos e a arqueoloxía ás escolas e o último e tratar de crear unha promoción conxunta dos museos da comarca de A Coruña.

-¿Que é o máis importante á hora de conservar un sitio arqueolóxico?

-É fundamental manter os sitios xa descubertos e investigar sobre eles. Estou en contra de intervencións puntuais. Non se pode escavar por escavar sen consolidar o que temos. Conservar non é tan impresionante como atopar un castro, pero é fundamental. Estes descubrimentos precisan investigación para ter continuidade.

-¿Con qué dificultades se atopa para o mantemento destes sitios?

-En Galicia temos un gran problema co clima húmido. Se por exemplo se efectúa unha limpeza nun castro, co alto custe que isto conleva, ao ano seguinte xa volveu a crecer todo. Por iso penso que en lugar de andar facendo novas escavacións para telas en mal estado, o mellor é centrarse no patrimonio que temos actualmente. Sobre todo para non crear falsas expectativas na xente con proxectos sen continuidade.

-¿Cal é a mellor forma de achegar o patrimonio á xente?

-Hai que darlle importancia aos locais, teñen que sentir o patrimonio como seu. Para isto debemos usar distintos niveis de comunicación nos museos segundo o interese de cada un e elaborar materiais e ferramentas coma vídeos ou exposicións adaptadas.

-¿Qué falla nos museos da comarca?

-Falta facer un exercicio de promoción conxunta. Constituír un museo é moi complicado, xa que facemos este esforzo debemos axudarnos entre institucións e darnos a coñecer, informando aos visitantes do noso centro da existencia dos demais.

-¿Algún proxecto arqueolóxico para o curso que comeza?

-Teño moitas ideas, pero ata principios do ano que ven non darei nada a coñecer. Xa se sabe como vai a arqueoloxía, podes telo todo preparado e que algo saía mal no último momento.