Emotivo reencontro de Cántigas da Terra cos seus excoralistas

Rodri GArcía A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

Paco Rodríguez< / span>

Ducias de persoas acudiron onte ao centro cívico de San Diego para empezar a preparar o festival de decembro no Rosalía

23 jun 2016 . Actualizado a las 21:59 h.

Pedrón de Ouro, Medalla Castelao -que recibirán o vindeiro martes-, centenario da súa fundación, xuntanza cos outros tres coros máis antigos de Galicia para celebrar a fundación das Irmandades de Fala... Cántigas da Terra leva meses de continua actividade. Para a noitiña de onte convocaron a varias decenas de persoas que no seu día formaron parte do coro. «Pensamos que pode haber unhas duascentas, pero hai xente que está fóra ou que perdeu o contacto», indicaba Hugo López Arjas, o presidente da entidade.

E non foron duascentas, pero si varias ducias as persoas que se foron achegando ao centro cívico de San Diego. «¿Lémbraste deste raparigo?», preguntaba con sorna un dos asistentes, xa talludiño. Mentres, as súas costas, outras dúas persoas dábanse unha forte aperta e comentaban o moito tempo que levaban sen verse. Desde as oito da tarde foron chegando, recoñecéndose, saudándose, preguntando por uns e por outras e lembrando: «Cando estabamos nós eran rapaces...». «Viñemos a ver, hai tanto tempo...», dicía unha parella.

Reencontros

«¡Mira! Está cheo de saúde...», dicía con retranca un sinalando o bandullo doutro dos asistentes. Unha persoa ía recollendo datos duns e doutros. Era algo que os responsables de Cántigas da Terra tiñan pensado e por iso convocaron ás oito da tarde, «para que a xente poda saudarse» e logo empezaron a contar os proxectos da entidade, dos que forman parte este grupo de excoralistas.

A idea era empezar a preparar onte o festival que terá lugar o día 1 de decembro deste ano no Teatro Rosalía e no que poderán participar todos os exintegrantes. Foi algo que Cántigas da Terre fixo en ocasións anteriores, entre elas nos anos 1984 e 1992, «pero entonces había máis xente», indicaba López Arjas.

O arquiveiro de Cántigas, Moncho do Orzán, calcula que nestes cen anos de historia da formación foron máis de mil persoas as que pasaron polo grupo e que estiveron presentes, cantando, nos principais momentos históricos da cidade como foi a instalación do monumento a Curros nos xardíns de Méndez Núñez.