A festa dos Amigos da Fala en Elviña

Por Xosé Alfeirán

A CORUÑA CIUDAD

A primera reunión celebrouse nos campos de Elviña.
A primera reunión celebrouse nos campos de Elviña.

Esta xuntanza, realizada en 1916, foi o primeiro acto público, festivo e asembleario en prol do idioma galego

23 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A convocatoria era para as tres e media da tarde. A esa hora tiñan que estar nas aforas da cidade da Coruña, en Monelos, na entrada da Granxa Agrícola Experimental (desde 1888 ata 1964 estivo na zona hoxe ocupada polo mal chamado polígono de Elviña segunda fase). Cada quen dos asistentes debía levar a súa merenda. A intención era camiñar todos xuntos ata o piñeiral de Elviña e alí celebrar a primeira xunta xeral dos asociados. Facía o chamamento a Irmandade dos Amigos da Fala da Coruña. A xuntanza tería un carácter festivo e campestre e sería tamén o primeiro acto público en prol do idioma galego. Entre a concorrencia ía estar o poeta Ramón Cabanillas. A prensa da época, e en especial La Voz de Galicia, permítenos coñecer o acontecido.

Ese día, o domingo 2 de xullo de 1916, con bo tempo, foron moitos os asociados á Irmandade da Fala coruñesa que se achegaron ata a Granxa Agrícola. Dende alí e a pé percorreron o vello camiño que despois de bordear o río Monelos ascendía ata igrexa de San Vicente de Elviña e continuaba ata o piñeiral situado preto da aldea de Castro. Cando chegaron xa estaban esperándolles numerosas familias que decidiran sumarse á excursión; tamén foron rodeados por moitos veciños e labregos da contorna. Xuntos, uns centos de persoas segundo La Voz, subiron ata un pequeno outeiro dominado por unhas rochas e desde o que se divisaba toda a perspectiva da Coruña. Aínda que as crónicas non o din, ese outeiro era e é o castro de Elviña.

En dito lugar, Antón Vilar Ponte, fundador e conselleiro primeiro da Irmandade, pronunciou unhas breves palabras de saúdo e leu os numerosos telegramas de adhesión e felicitación recibidos de toda Galicia. Despois o escritor Manuel Lugrís Freire, en ton fogoso e vehemente, enalteceu os fins da Irmandade creada na Coruña o pasado 18 de maio: propagar e ennobrecer o galego. As súas verbas causaron unha fonda emoción nos presentes. Tras rememorar aos poetas galegos, fixo un cálido eloxio de Ramón Cabanillas, que se atopaba entre os presentes, e leu diversos poemas seus, de Uxío Carré Aldao e de Cabanillas, sendo todos moi aplaudidos.

A continuación, espallados os expedicionarios polo campo, comezou a merenda que estivo amenizada polo recio gaiteiro coruñés Emiliano Moscoso, acompañado por un tamboril e un bombo. A xente bailou muiñeiras, xotas do país e ribeiranas, ademais de cantar alalás e moitas outras cancións galegas. Á tardiña, tras pasar unha grata e animada velada, os excursionistas e asociados retornaron á cidade satisfeitos do resultado da primeira festa en defensa do rexurdimento e propagación do idioma galego.

Pola noite, Ramón Cabanillas e un grupo dos seus amigos achegáronse ata a Reunión de Artesáns onde foron agasallados polo seu presidente Manuel Casás cun lunch acompañado dun, segundo a prensa, riquísimo tostado do Ribeiro que substituíu ao clásico champaña. O éxito do modelo de festa-romaría en prol do galego celebrado en Elviña faría que desde entón os Amigos da Fala o repetisen en distintos lugares de Galicia.

Historias con Historia

«O éxito do modelo de festa-romaría en prol do galego faría que o repetisen en toda Galicia»