«A xente agarda algo máis de nós que cambiar placas»

E. E. A Coruña / La Voz

A CORUÑA CIUDAD

As modificacións que restan no rueiro faranse, pero hai outras prioridades, asegura o rexedor

22 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Entre as cousas máis visibles que fixo o goberno local no último ano estiveron os actos para cambiar os nomes de rúas pola aplicación da Lei da Memoria Histórica.

-¿Falta algunha rúa?

-Só queda Cabo Santiago Gómez, aínda non mudou porque o nome que levará, Orquestra Sinfónica de Galicia, ten que ser aprobado polo pleno e está na Comisión de Honras nestes momentos.

-Tamén levaban no programa a adaptación do rueiro ao galego, pero aínda non o fixeron.

-Está previsto e farase, pero a xente agarda algo máis de nós que cambiar placas. Hai cousas que hai que ir facendo pouco a pouco e con normalidade, a ninguén lle sorprenderá se un día atopa o cartel de avenida de Arteixo en lugar de avenida de Arteijo e así ocorrerá.

-Tamén están pendentes proxectos que vostedes anunciaron como a renda social. ¿Para cando?

-A renda social está moi avanzada, depende dun decreto da Xunta que está listo e estamos pendentes de que apareza no DOG.

-¿Cal vai ser a implicación da Marea no proceso das eleccións autonómicas?

-Nas municipais comezou un proceso político, a creación das confluencias. Para as xerais En Marea e para as autonómicas En Marea ten que ser ampliado e transcender a coalición. Nós apostamos por non ser unha coalición de partidos porque iso tiña problemas. A nivel persoal non teño ningunha ambición, é certo que, polas circunstancias, a repercusión que eu tiven foi maior da pensada. Non prevín nunca ter esa relevancia; que alguén que quere ser presidente do Goberno veña a preguntarme que opino eu sobre as cousas era algo co que non contaba, pero eu non teño ambición política, estou feliz e contento e orgulloso de ser o alcalde da Coruña, non me propoño ningunha outra cousa.

-¿Que comparte a Marea con Podemos? ¿Cal é a relación con eles?

-Temos unha boa relación. Nun proceso de confluencia a discusión é san e a anterior dirección autonómica de Podemos tivo claro que o camiño era a confluencia e a actual eu creo que tamén. A dirección estatal, tanto Pablo Iglesias como Íñigo Errejón, tamén apostan en Galicia pola confluencia e os obxectivos políticos son compartidos. Diferenzas de criterio sempre pode haber, pero a melodía que todos queremos tocar é moi parecida.

-En todo caso as cousas semella que terían que pasar por entenderse co PSOE. ¿Será posible a nivel autonómico?

-Eu creo que non hai outra posibilidade dun Goberno alternativo ao PP que non pase por un entendemento entre o espazo político das mareas e o PSOE. É o PSOE o que ten que decidilo, se quere apoiar ao PP por omisión, como parece dar a entender Méndez Romeu, ou se hai vontade de crear unha alternativa. O PSOE ten que decidir se quere máis a mamá ou a papá.

-Alvedro perdeu pasaxeiros no último mes, despois de rebaixar o investimento nos convenios.

-Os datos non son todo o bos que poderían ser. Os voos cos que non hai convenio, que son os de Madrid, son os de maior ocupación, e seguen medrando, e o que nos din é que onde se fai promoción de destino as cifras aumentan, é o caso de Sevilla. A duplicidade de voos con Santiago faille dano a Alvedro, como o caso de Londres. A chegada de Vueling a Lavacolla afectou ao voo de A Coruña. Haberá que ver nos outros casos estatais de promocionar o destino, tanto Bilbao como Valencia, e temos que conseguir novas liñas e nisto estamos.

-¿Que foi para vostede o mellor deste primeiro ano?

-O contacto coa xente. Todos os días hai alguén que te para e che da un abrazo e ánimos para seguir pelexando. Porque hai días duros aquí dentro. O día que cambiamos a placa de Millán Astray pola da Praza das Atochas foi moi bonito, moi emocionante, pero hai outros moitos, cando un sae do pazo e conecta coa xente, ou cando a xente entra, é cando se dan os momentos máis bonitos.

-¿E do máis duro?

-Un ten que estar sometido á crítica e un non se pode queixar delas, pero hai veces que un pensa que son inxustas, esaxeradas, ou que directamente non se corresponden coa realidade. Cando un sente a inxustiza de estar deixándose a alma aquí por traballar e atopa reaccións que non teñen que ver coa realidade faise duro de levar, sobre todo para unha persoa que non estaba afeita á exposicións mediáticas.

-¿Como lle cambiou a vida?

-Eu tiña unha vida moi tranquila. Tamén lle metía horas na universidade, pero non te chamaba ninguén no medio da noite por un incendio, e podía pasar máis horas coa miña familia.