Milladoiro abarrotou o Rosalía con «Unha estrela por guía»

Rodri GArcía A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

O concerto pechou un Día das Letras que durante a mañá contou coa lectura da obra de Manuel María no pazo municipal

18 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Vai para nove anos que Milladoiro publicara o disco Unha estrela por guía, con poemas de Manuel María musicados polo grupo. Adiantáronse no seu recoñecemento ao poeta da Terra Chá e por iso parecía claro que tiña que ser Milladoiro, que actuou por primeira vez na Coruña hai 37 anos, o que ofrecera o concerto oficial do Día das Letras Galegas dedicado a Manuel María. Foi precisamente coa canción que daba título a aquel disco coa que Milladoiro abriu o concerto da noite de onte no teatro Rosalía. Intercalou obras da formación con outras daquel disco, que percorría musicalmente libros como Cancións do Lusco ao Fusco, Sonetos á casa de Hortas ou As rúas do vento ceibe.

Entre o público que abarrotou o Rosalía estaban o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro (as dúas institucions organizadoras); e a viúva de Manuel María, Saleta Goi. Milladoiro tocou pezas como Vals de Libunca, As carballescas, Alalá das Mariñas e Tecendo liño, incluída no seu primeiro disco A Galicia de Maeloc. Milladoiro, que contou coa presenza dos bailaríns Jesús Quiroga e Eva Faraldo, está formado actualmente por Xosé V. Ferreirós, Nando Casal, Moncho García (os tres fundadores que seguen no grupo), Manuel Riveiro, Harry e Manu Conde. A formación leva máis de vinte discos.

O concerto de Milladoiro pechaba unha xornada na que foi lembrado Manuel María de distintas maneiras. No Concello tivo lugar unha lectura pública dos seus textos, dentro dunha xornada de portas abertas: «Como día de festa que é, a ocasión merecía abrir as portas do pazo de María Pita para levar a cabo unha lectura pública», dixo o alcalde, Xulio Ferreiro, quen salientou que a intención do goberno local é que este acto «se converta en tradición e poida ter lugar de agora en adiante todos os días das Letras». Particulares e políticos participaron la lectura de textos de Manuel María desde o balcón do pazo de María Pita.