Catro coros históricos lembran a fundación das Irmandades da Fala

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

CESAR TOIMIL

O concerto inspirase nas palabras de Villar Ponte: «Interésanos máis un coro galego que un deputado en Cortes por Galicia»

18 may 2016 . Actualizado a las 10:53 h.

«Interésanos máis un coro galego que un deputado en Cortes por Galicia». Esta frase de Antón Villar Ponte inspira a celebración, hoxe na Coruña, do centenario do nacemento das Irmandades da Fala. Foi tal día como hoxe, cando Villar Ponte convocou a reunión que tivo lugar a poucos metros do teatro Rosalía, onde esta noite (20.30 horas, entrada libre) terá lugar o concerto conmemorativo. Organizan a Academia Galega e o Concello da Coruña. Na presentación deste acto o concelleiro de Culturas, José Manuel Sande, lembrou como a primeira xuntanza das Irmandades tivo lugar na que era entonces a sede da Real Academia Galega. O secretario da RAG, Henrique Monteagudo, dixo que os coros eran para as Irmandades importantes axentes de normalización da lingua galega e de recuperación e promoción da música popular. De aí a frase de Antón Villar Ponte: «Interésanos máis un coro galego que un deputado en Cortes por Galicia».

O dito por Villar Ponte serviu de idea para organizar o que será un dos primeiros actos deste centenario e no que actuarán esta noite catro coros históricos como son Toxos e Froles, de Ferrol, fundado en 1914; a Coral Ruada de Ourense (1918), Cantigas e Agarimos, de Santiago (1921) e a agrupación Cántigas da Terra da Coruña, «que tamén cumpre cen anos», apuntou Monteagudo.

Unha hora antes do concerto do Rosalía, Cántigas da Terra «lembrará, no seu propio acto aberto na rúa, aos persoeiros que en 1916 foron quen de crear o crucial movemento en prol da lingua e da nosa cultura», indicaban onte. Tamén dicían que algúns dos fundadores das Irmandades «deron vida cos mesmos fins ao noso coro galego naquel contexto de emoción pola terra».

A parte musical de hoxe terá como mantedora a escritora Estíbaliz Espinosa e haberá unha parte literaria na que intervirán os académicos Fina Casalderrey e Manuel Rivas. Ademais, lerán textos de figuras das Irmandades como Ramón Cabanillas, Lugrís, Vicente Risco, Castelao ou Antón Villar Ponte, a xornalista Cristina Lombao, a profesora Carmen García-Rodeja, a estudante Orleni Mateo, a actriz Isabel Risco, Manuel Lugrís, neto de Manuel Lugrís Freire, un dos fundadores da Irmandade da Fala da Coruña e presidente da RAG entre 1934 e 1935, e Pedro Fernández Roque, presidente da asociación de veciños da Cidade Vella.