«Hai mafias que perseguen aos albinos para usar os seus osos como amuletos»

Loreto Silvoso
loreto silvoso A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

Dedica o seu tempo a protexer aos albinos africanos do seu máximo inimigo: o sol

20 dic 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Tose e tose Mafalda Soto mentres explica que sempre que cruza o Ecuador «arrefríase». Esta farmacéutica galega de 33 anos pásase a vida viaxando, pero ten a súa base en África. O sábado chegou de Tanzania, -onde reside-, o mércores estivo en A Coruña e hoxe xa está en París, previo paso por Barcelona, que é dende onde nos atende.

-¿Vostede tamén fai chamadas á paz mundial como a Mafalda de Quino dende a súa cadeira?

-¡Encántame esa viñeta! Pero a min non me puxeron así por ela. Miña nai e miña avoa, tamén farmacéuticas, chámanse Mafalda.

-¿Puxéronllo por algo?

-Si, porque miña avoa naceu ó día seguinte de que se afundira non sei onde un transatlántico que se chamaba así. E xusto era o día de Santa Mafalda.

-¿E gústalle a personaxe do debuxante arxentino Quino?

-Gústame moito. Síntome moi identificada co inconformismo positivo de Mafalda. Non iso de criticar por criticar ó sistema. Se estou en Tanzania é pola educación que recibín aquí. Temos que decatarnos da sorte que temos. Imaxínese ser muller en África...

-¿Cando marchou para alí?

-Eu levo oito anos en África. Primeiro estiven en Malawi e agora en Tanzania, da man de África Directo. A delegación desta onegué na Coruña está apostando moi forte polo tema. Están moi implicados. Ademais, o Colexio de Farmacéuticos de A Coruña axudou a cofinanciar o laboratorio.

-¿Que fai vostede en Tanzania?

-Axudei a arrancar a unidade específica dun hospital dermatolóxico que distribúe doses de cremas fotoprotectoras para todas as persoas con albinismo.

-Crema que inventou vostede.

-Traballei cun laboratorio madrileño para adaptar a fórmula da crema fotoprotectora a eles. Aquí facemos campañas informativas para que saiban como aplicar esa crema. Logo, a través de clínicas móbiles no medio rural, convocamos as persoas con albinismo para que os dermatólogos as atendan.

-¿Non están patentadas?

-Non. Ti podes adaptar a crema en función das necesidades que teñas. Eu coñecía moi ben a realidade desa zona, e as particularidades da súa pel e todo iso condicionou a fórmula que usamos agora.

-¿A que tanto por centro da poboación de Tanzania afecta?

-A prevalencia é de unha cada dúas mil persoas. En Tanzania, hai unhas vinte mil persoas con este problema.

-¿A fotoprotección é unha escusa para moito máis?

-Si, para darlles confianza. É unha xente que se sinte moi discriminada por ser así.

-¿Segue habendo mafias que perseguen ós albinos?

-Si. Existe a crenza de que os seus osos poden converterse en amuletos da boa sorte. No ano 2008, o Goberno de Tanzania puxo a disposición dos colexios unha serie de internados para que puideran sentirse máis seguros. Nós traballamos con 700 nenos que están neses centros.

-¿Que estudou?

-Farmacia, na Complutense de Madrid, e logo fixen un máster en medicina tropical e saúde internacional en Barcelona.

-¿Como é a combinación do tema humanitario co científico?

-Moi gratificante. Moi duro, porque é moita a loita, pero moi bonito, tamén.

Hoxe queda sen votar.

Mafalda Soto pásase o día viaxando, pero vota en España. Hoxe está en Francia e non lle deu tempo a facelo por correo. Así que, queda sen votar.

Vocación. Fíxose farmacéutica como a súa avoa e a súa nai. As tres farmacéuticas e as tres chámanse Mafalda.

Documental. Protagoniza Black Man White Skin, sobre o drama dos albinos negros.

«Aínda suspiro cada vez que as rodas do avión tocan chan galego»

A sede de Afundación acolleu, o pasado mércores, a proxección do documental Black Man White Skin, unha historia de denuncia sobre o drama dos albinos negros en África. Dirixido por José Manuel Colón, nel sae Mafalda Soto falando do seu traballo alí.

-¿Como leva estar tan lonxe?

-Bastante ben. Hoxe en día, temos as redes sociais, o Skype... Ademais, como todo foi bastante duro dende o principio, -traballaba sen auga nin electricidade-, non me podía vir abaixo. Tiña que ser forte, ser resolutiva... Non me permitía pensar moito na familia e nos amigos.

-¿Pensa volver aquí?

-Si. Agora estamos nun momento de reformulación do proxecto. Estamos chegando a moita xente, pero seguimos dependendo das oenegués e plataformas que nos apoian. Por iso, pensamos en crear un produto cosmético en Europa e destinalo a apoiar a produción en Tanzania.

-Coa idea de autofinanciarse.

-Si. E de que eles sexan autosuficientes. Tamén traballamos na exportación de fotoprotectores a outros países africanos. Por todo isto, penso que o meu papel vai ser máis importante en Europa ou nos Estados Unidos. Este será un ano de transición. A miña idea é volver en abril ou maio.

-Pero a súa perspectiva é global.

-Eu elixín marchar, pero penso que saír fóra, a maioría das veces, amplía a mirada. Quítasenche os prexuízos. En Tanzania, hai un 35 ?% de persoas cristiás e outro tanto de musulmás; todas convivindo, casándose entre elas... Canto máis coñeces, máis abres a cabeza e máis humilde vólveste. Pero que conste que eu aínda suspiro cada vez que as rodas do avión tocan chan galego.

-¿Cantos idiomas fala?

-Ben, ningún. [Risas] Pero, vexamos: galego, castelán, inglés, suahili e chapurreo portugués.