O Couto acollerá o primeiro plenario da RAG na Costa da Morte

Á. palmou CARBALLO / LA VOZ

A CORUÑA CIUDAD

Alonso Montero, ayer en Ponteceso.
Alonso Montero, ayer en Ponteceso. José Manuel Casal

A academia sumarase ao aniversario do Día das Letras Galega de Pondal

22 nov 2014 . Actualizado a las 18:34 h.

A Real Academia Galega non é unha institución que teña permanecido allea ao fervedoiro cultural no que se ten convertido a aldea do Couto desde hai xa bastantes anos. Da man da asociación Monte Branco primeiro e da Fundación Eduardo Pondal agora por Ponteceso teñen pasado un gran número de académicos e algúns dos seus sucesivos presidentes para participar nas múltiples actividades desenvolvidas. Esta mesma semana Fina Casalderrey acudiu a unha das sesións do Simposio Pondaliano e a próxima farao Manuel Rivas.

Agora, esa relación disponse a dar un novo e significativo paso adiante co anuncio feito onte en Ponteceso polo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, de que a institución celebrará na localidade un plenario extraordinario. Alonso Montero, que se desprazou ata terras bergantiñás en compañía do secretario da institución, Xosé Henrique Monteagudo, explicou que son moi poucas as ocasións nas que os trinta académicos de número da RAG abandonan a súa sede da Coruña para reunirse noutra localidade, e apuntou que a sesión de Ponteceso -a primeira que terá lugar na Costa da Morte-, converterase «nunha homenaxe a Pondal e aos anfitrións, por todo o que están facendo pola figura» do poeta. Neste senso, destacou a importancia da existencia de «figuras comprometidas» para preservar o legado de autores como o Bardo.

«A Academia é casa da literatura e se a xente nos fai un requirimento relacionado cun autor como Pondal non podemos dicir que non, a nosa obriga e vir, e máis se se trata de persoas como estas, que levan tanto traballando pola cultura», engadiu Alonso Montero en relación aos responsables da Fundación Pondal, representados onte polo seu presidente -e alcalde de Ponteceso-, José Luís Fondo Aguiar, e por dous dos integrantes do seu padroado, Xosé María Varela e Luís Giadás.

Sesión monográfica

Esta sesión extraordinaria do plenario da RAG terá lugar na sede da Fundación Pondal o 7 de febreiro e será pública. Ademais, segundo explicou Monteagudo, estará dedicada de xeito monográfico a Pondal e varios académicos darán lectura a traballos dedicados á obra do autor pontecesán. O secretario da Real Academia apuntou tamén que por razóns de protocolo na sesión só poderán tomar a palabra os académicos, pero que antes ou despois poderanse articular mecanismos de participación dos presentes.

50 anos das Letras de Pondal

Coa visita dos académicos a Ponteceso, a Fundación Pondal abrirá os actos cos que quere celebrar o 50.º aniversario do Día das Letras Galegas que lle foi dedicado ao bardo. «Naquel tempo o recoñecemento pasara sen pena nin gloria, así que queremos remediar isto celebrando este aniversario do mesmo xeito que se fixo xa con Rosalía e Castelao», detallou Xosé María Varela, tras lembrar tamén que a data elixida para o plenario coincide tamén co 180 aniversario do nacemento de Pondal. «Queremos que o 2015 sexa o ano de Pondal en Ponteceso, e tamén será algo histórico o feito de xuntar a tantos académicos aquí».