Alemaña descobre os encantos da cultura galega

Alberto Ramos

A CORUÑA CIUDAD

18 sep 2008 . Actualizado a las 02:00 h.

A cultura galega atrae o interese de xente máis aló das fronteiras desta terra. Ese é o caso dun grupo de 16 estudantes de lingua e cultura galega de diversas universidades alemás que se atopan de visita en Galicia para observar en vivo e directo o que só coñeceron entre as frías liñas dos libros e dos seus apuntamentos.

A súa estancia en terras galegas rematará a semana que vén. Pero nesta fugaz visita, os seus ollos terán a oportunidade de fitar os lugares máis destacados da xeografía cultural galega. Un grupo de profesores lectores, que ensinan a cultura galega en Alemaña, funcionarán como a rosa dos ventos desta expedición. Uxía Iglesias, que imparte clases de Galego en Kiel, é unha deles e considera esta experiencia para os alumnos «moi positiva, xa que poden coñecer en directo a realidade de Galicia».

Estes estudantes alemáns realizarán un percorrido breve dunhas poucas xornadas para descubrir puntos esenciais que definen a identidade galega. Denis Zhernyakov, un dos participantes neste periplo, afirma que o que pretende é perfeccionar «a lingua, xa que o idioma é o 80% da base da cultura», e tamén quere «ollar a actividade da xente de aquí».

Os estudantes alemáns pasearon polas rúas do casco histórico de Santiago onte, antes de que a directora xeral de Política Lingüística, Marisol López, lles dera a benvida nunha recepción.

Mañá, a Costa da Morte e Fisterra recibirán, coa súa historia e a súa paisaxe, ao grupo. O venres, a cidade da Coruña protagonizará a xornada. Ese día gozarán dun xantar na compaña dos poetas Miguel Anxo Fernán Vello, Luciano Rodríguez e Xulio Valcárcel. Os estudantes alemáns compartirán impresións con estes creadores sobre a literatura galega. A natureza será a protagonista da fin de semana. A praia das Catedrais e o Courel serán os destinos nos que estes mozos alemáns respirarán o azul e o verde galegos. O grupo volverá á súa terra tendo uns poucos trazos que debuxan unha pequena visión de Galicia.