Xosé Touriñán: «Recordo moito a época adolescente dos biquiños»

natalia pablo, j. b.

CARRAL

As súas vivenzas románticas mestúranse tamén coas noites de troula en Carral, zona que non só o viu madurar, senón tamén medrar coma profesional

31 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Malia que Xosé Touriñán coñeceu a súa muller aos 19 anos, recorda con tenrura a súa época de amores adolescentes. As súas vivenzas románticas mestúranse tamén coas noites de troula en Carral, zona que non só o viu madurar, senón tamén medrar coma profesional.

-¿Tivo algún amor de verán?

-Tívenos igual ca todos, aínda que eran amores que duraban catro días. Coñecín a miña muller moi cedo, tiña 19 anos, así que as miñas historias de amor foron na adolescencia.

-Cónteme un pouco como coñeceu a súa muller

-A verdade é que ao principio pasaba de min moito, tardou en facerme caso. Agora levamos moitos anos casados, e aínda me segue aturando [risos].

-Sigamos co tema dos amores estivais, ¿hai algún que recorde con máis cariño?

-Recordo moito a época adolescente dos biquiños, a dos quince anos. De onde son eu, viñan moitas rapazas de fóra no verán. Lémbrome dunha de Inglaterra, estiven namorado dela en agosto e en setembro xa me esquecera. Lémbrome tamén de esperar con impaciencia os domingos, que era cando saiamos en Carral para poder ver ás mozas. Houbo outra rapaza que era de Palencia, e gustábame tanto que mesmo quería marchar para alí, e iso que non sabía nin onde estaba ese lugar.

-¿Fixo algunha loucura por estas rapazas?

-Algunha si. Ás veces facía moitos quilómetros para velas, outras, dicíalles aos amigos que xa o tiña feito e ao final a rapaza acababa bicándose con outro. Tamén lembro unha vez que bebín de mais e unha das que me gustaba, ao verme nese estado, deixou de falarme e comezou a pasar de min.