«Nas mareas hai certa anarquía, demasiados xefes e pouca tropa»

Eduardo Eiroa La Voz / A CoruñA< / span>

CARRAL

12 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Alternativa dos Veciños, partido que goberna en Oleiros con Ángel García Seoane, buscou de pechar un pacto coas formacións emerxentes de Carral, Cambre e Culleredo para presentar unha marca común coa que acadar representación na Deputación e quitar a maioría ao PP. A iniciativa finalmente fracasou tras rexeitar a Marea Atlántica coruñesa a invitación. O rexedor fala sobre esas novas formacións.

-¿Que posibilidades reais teñen de acadar representación no pleno provincial?

-Se sumaramos forzas, todos xuntos, incluíndo á Marea de A Coruña, poderíamos rozar o terceiro, e na Deputación se lles sacamos tres, o PP perde a maioría.

-Para iso precisaría unha unión na que participara a Marea coruñesa, que xa dixo que non. ¿Que pasou na reunión que tiveron?

-Xa non fun con moita ilusión. Á Marea deséxolle o mellor, pero é unha pena que cada un ande ao seu. Foi unha merenda de negros e aquilo enfocouse mal por parte dalgunha xente da comarca. O lóxico é que isto se falara con máis tempo, pero tamén é certo que xa houbera outras reunións.

-Sen ese pacto as contas son máis difíciles.

-Había posibilidades, pero alá eles. Díxenlles alí que eu non ía para coller poder, senón para evitar que o PP sacara outra maioría da Deputación, pero xa o tiñan decidido. Eles van a polo poder, a sacar algún deputado para darlle a acta a alguén.

-A Marea di que decidiu non concorrer nunha asemblea.

-Non hai tal asemblea nin hai nada. Os que deciden iso son seis amiguetes. ¿Como ían facer unha asemblea esa mesma tarde despois da reunión?

-¿Vaise postular vostede coma deputado?

-A min dame igual quen vaia, sempre que sexa capaz e saiba o que leva entre as mans para facer as cousas.

-¿Que pasou para rexeitar tamén a unidade con Cambre e Carral?

-Ata chamáronme de Arteixo e Culleredo para facer unha candidatura única, despois da marcha da Marea, brindei as miñas siglas, dixeron que non, que ían como Son, pero nós non imos ir así a ningún sitio. E iso que eu xa daba un aparato feito? Aínda así de aquí ao día 20 poden pasar moitas cousas.

-¿Como valora aos novos partidos políticos xurdidos dos movementos sociais?

-Que a xente únase paréceme ben. Coido que en todas estas mareas hai unha certa anarquía, con demasiados xefes e pouca tropa. Eu deséxolles o mellor e que fagan unha política distinta. É preciso algún cambio e poden vir de aí. Ademais algún sabe o que quere e outros veñen a abordar. Eu non lle desexo a ninguén o que acontece en Sada, Cambre ou Betanzos. Non se poden crear grupos para desgobernar porque dicindo sempre que non o que sofre é o cidadán.

-¿Que traen novo estes partidos?

-Noutros sitios poden aportar algo novo, en Oleiros non. Nós somos a marea máis antiga de España. O que me consta é que hai boa vontade e ganas de cambiar, pero outra cousa é que haxa o liderazgo para levalo a bo porto. E que non me veñan a min con asembleas, eu son asembleario desde que nacín, pero hai que tomar decisións.

-¿Negociou vostede co candidato da Marea?

-Non. Ao parecer eu tamén son casta. Pero na negativa o tema é outro: se nós sacamos once e eles catro concelleiros, por exemplo, pensan que entón será Gelo quen decida, pero non todo é un tema de interese persoal. As veces nótase unha soberbia tremenda, a esquerda ten que ser dialogante, amable, e moitos van de intelectuais que o saben todo, e iso é un defecto gravísimo.