«Os premios axudan a visibilizar a novos autores»

CAMBRE

Venceu coa obra «Miña querida Sherezade», publicada por Baía Edicións

23 abr 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Andrea Maceiras (Cambre, 1987) é a flamante gañadora da sexta edición do Premio Meiga Moira de Literatura Infantil e Xuvenil. A súa obra Miña querida Sherezade, publicada por Baía Edicións, marabillou ao xurado, que hoxe lle entrega o galardón ás oito da tarde na biblioteca central de Cambre. Maceiras, que está inmersa na súa tese doutoral sobre un xénero medieval pouco coñecido (fixo Filoloxía Hispánica e Galega), embolsarase 2.500 euros ademais da publicación do libro.

-¿Que conta esta novela?

-Relata a historia dun libro que conta a súa propia historia en primeira persoa. O libro en cuestión é As mil e unha noites, que conta o seu nacemento, os lugares onde viaxa, as personaxes que coñece e que poboan as súas páxinas como Aladino, Simbad ou Sherezade.

-¿Como xurdiu esa idea?

-Por un libro que tiña a miña aboa e que data de principios do século XX, de 1910. E, precisamente, ese libro contén As mil e unha noites en formato infantil. Sempre estiven fascinada por ese relato e decidín crear unha historia para el.

-Este é o seu sexto libro publicado. Non todos os autores teñen ese privilexio.

-Si. A verdade é que estou agradecida aos premios axudan a dar visibilizar a autores novos coma min. Dan a posibilidade de publicar un libro e que se vexa o traballo da xente nova. Para min teñen un valor importante por iso, porque abren as portas á publicación e a difusión dos traballos.

-¿Que é o que lle inspira á hora de escribir?

-Teño moitas influencias. Pero no caso de Miña querida Sherezade o que quería escribir era unha novela centrada no amor polos libros, polas historias, polas almas dos libros e a capacidade que teñen para cambiar e influír nas nosas vidas. De feito, Sherezade logra a súa salvación a través das palabras, a través das historias que conta. Ela atopa refuxio na literatura, na paixón pola lectura.