Mariví Amor pechará a candidatura do BNG-AA en Cambre

Redacción

CAMBRE

Xunto a ela estarán nos postos de honra da lista os ex concelleiros Alfredo Rodríguez Abella, Ramón Díaz e Carolina Fernández 

24 mar 2015 . Actualizado a las 22:01 h.

Mariví Amor, quen nos últimos anos ocupou a portavocía municipal do BNG no Concello de Cambre, ocupará o derradeiro posto na candidatura do BNG Asembleas Abertas nos comicios do próximo mes de maio.

Xunto a ela, nos postos de honra, estarán os ex concelleiros Alfredo Rodríguez Abella, Xoán Ramón Díaz e Carolina Fernández, todos concelleiros do BNG en diferentes periodos. Precisamente os catro quixeron facer un chamamento público a toda a base social do nacionalismo e da esquerda honesta real e comprometida cos máis débiles que hai en Cambre para arroupar a candidatura do BNG - Asembleas Abertas que se está a elaborar. 

Mariví Amor, que non continuará na corporación por mor das súas ocupacións laborais e familiares, destacou a súa total sintonía e disposición para seguir traballando no Bloque, organización que definiu como "unha extensión do salón da miña casa, onde estou coa miña xente, coa miña familia, cos meus". Destacou que "o Bloque - Asembleas Abertas leva semanas traballando en Cambre por unha candidatura plural, representativa e rompedora, fronte á carcoma da vella política".