«Benefícianse porque agora dálles tempo para facer a consulta e coller o bus a A Coruña ou Betanzos»

d. v. ABEGONDO / LA VOZ

BETANZOS

cesar delgado

14 abr 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Juan José García (Oza-Cesuras, 1963) leva nove anos traballando como taxista en Abegondo e considera que a nova proposta de mobilidade supón un beneficio para os veciños.

-¿Como está o sector en Abegondo?

-En total somos seis taxistas, pero estamos traballando cinco, porque un xubilouse e vai comezar o fillo, pero de momento non empezou.

-¿Que tal anda o traballo?

-Aquí nas aldeas non hai queixa, o problema son as tardes, que non hai moito chollo. Polas mañás vai un defendéndose ben.

-¿Para que os chaman?

-Normalmente, para ir ao médico ou ás consultas na residencia.

-¿Que tal vai este novo servizo?

-Temos moita xente, pero levamos só dúas semanas e non podemos falar moito. Os clientes queren o coche á carta, pero non se queixan, senón ao contrario, porque antes o bus saíalles ás 9.30 horas e chegaban ás 10.00 a Abegondo e o segundo saía ás 10.15 horas e chegaba ás 10.30 ou 11.00 e agora saen ás 8.00 co taxi e dálles para ir a facer a consulta e para coller o bus que vai cara A Coruña ou o bus que vai cara Betanzos. Niso beneficiáronse.

-¿Hai moitos que usen esas conexións?

-Si, hai bastante xente que colle os buses. Hai moita mobilidade cara Betanzos, máis que cara A Coruña, porque van ás compras, a solucionar cuestións de Facenda, consultas... En proporción temos máis viaxes cara Betanzos que cara A Coruña. No mes para A Coruña podes ter catro ou cinco viaxes e para Betanzos tes dez ou quince.

-Agora fan dous servizos á semana, luns e mércores,¿ cantos clientes poden ter?

-A semana pasada, como foi cando se empezou, fixemos un día a maiores, no meu caso, na primeira viaxe trouxen dúas persoas, na segunda, catro, e na terceira, catro.

-¿Entran todos a facer este servizo?

-Ímonos rotando, estamos dous e un de retén, por se fixera falta. Aínda que esta semana non se pode contar polo tema da Semana Santa.