O Hierros-Diego inicia en Porto do Son a Volta á Coruña

ARTEIXO

12 abr 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

O Club Ciclista Estradense Hierros-Diego comeza en Porto do Son a Volta á provincia da Coruña, que se desputará dende hoxe ata o domingo. A expedición estradense estará composta por David Santiago, David Álvarez, Óscar García, Jesús González, Diego Maroño, Rubén Braje e Chema Rodríguez. Os corredores do club estradense teñen por diante tres etapas nas que agardan colleitar algún froito. A Volta á provincia da Coruña toma este mediodía a saída en Porto do Son, onde se situará tamén a liña de chegada. O percorrido da primeira etapa consta de 130 quilómetros que pasará polo alto de Moldes, o alto de Confarco e o alto do Pino do Val. A segunda etapa terá saída e chegada en Bertamiráns, e componse de 128 quilómetros. A última xornada partirá de Arteixo e terá a liña de meta en A Coruña, logo de terse percorridos os 145 quilómetros que forman o traxecto previsto para a etapa. En total serán 18 os equipos que participen este ano na Volta á provincia da Coruña, entre os que estarán varios clubs chegados de outras comunidades. A alta competencia que se agarda na proba fai que o Hierros-Diego se marque como obxectivo loitar polos primeiros postos entre os corredores galegos. En canto á clasificación xeral, o director deportivo do club, Ricardo Terceiro, sinalaba onte que sería moi complicado acabar entre os dez primeiros, se ben os corredores estradenses non dubidarían en poñer os medios. A loita estradense tamén podería cinguirse aos postos dos Sub-23.