Os esperpentos de Valle-Inclán, en galego

La Voz

A CORUÑA

SANDRA ALONSO

O Centro Dramático Galego estrea «As galas do defunto» e «A filla do capitán», un espectáculo de case tres horas

31 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Marta Pazos, responsable da compañía Voadora, dirixe a produción do Centro Dramático Galego As galas do defunto e A filla do capitán, os primeiros esperpentos de Valle-Inclán en galego. Será o vindeiro venres e sábado, no Teatro Rosalía de Castro, ás 20.30 horas, cando dez actores suban ao escenario para interpretar os textos de Valle traducidos ao galego por Manolo Cortés, un traballo que eloxiou onte Marta Pazos na presentación desta estrea na Coruña.

 O concelleiro de Culturas, Xosé Manuel Sande, cualificou de «bastante absurdo» o feito de que se tivera criticado que Marta Pazos dirixa esta obra e lembrou a súa «ampla traxectoria». Sande apuntou que «é unha sorpresa que siga causando sorpresa, valga a redundancia, de que Valle se faga en galego» e considerou que este é un feito máis da normalización lingüística.

O director de Agadic, Jacobo Sutil, agradeceu «a colaboración e complicidade do Teatro Rosalía» tanto nesta como noutras montaxes, apuntou que, dentro da xira deste espectáculo, o día 11 de xuño representarase en Valencia, e salientou o esforzo que a montaxe supón para os dez intérpretes aos que citou: Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja, Machi Salgado e Sergio Zearreta, que darán vida aos máis de 30 personaxes das dos pezas. «Son atletas da palabra e atletas do oficio», dixo Marta Pazos que confesou que sentiu vertixe cando recibiu a proposta de dirixir esta montaxe.

Sergio Zearreta dixo que son case tres horas de espectáculo, «os textos son magníficos e esixentes» e dixo estar satisfeito de chegar con esta xira á cidade «onde nacín como actor». Tamén apuntou que coas funcións no Teatro Rosalía «por primeira vez chegamos á costa, que é onde chega o protagonista».

Pazos salientou a naturalidade coa que o público está vendo a Valle en galego, aínda que unha das obras ten como escenario Madrid.