«Estamos arraigadas na tradición, pero fomos criadas nunha capital multicultural»

La Voz

A CORUÑA

CEDIDA

O grupo galego-belga presenta mañá no Rosalía o seu quinto disco, «Camiño», co que renden homenaxe aos emigrantes

01 may 2017 . Actualizado a las 01:47 h.

Verónica Codesal (Bruxelas, 1977) fala dende a capital belga antes de vir presentar mañá no Rosalía coruñés e o mércores no Teatro Principal de Compostela, xunto a Magali Menéndez, Natalia Codesal e Marisol Palomo, o quinto traballo de Ialma, Camiño. Recoñécense herdeiras dunha tradición que se conservou nas súas casas, na que afondaron musicalmente dende o Centro Galego de Bruxelas e que agora pasean polos escenarios internacionais. As catro forman o núcleo primixenio do grupo, que antes era un quinteto, pero que perdeu en Xapón a Nuria Aldao por motivos de traballo.

-¿Que cambiou no quinto traballo?

-Neste queriamos contar o que contabamos antes entre cancións nos concertos. Aínda que son tempos duros, somos mulleres, seguimos en pé e podemos cantar en liberdade en galego e queriamos reivindicalo deste xeito. Este disco é moi persoal, toca o que loitaron os nosos pais na emigración e o que perderon ao marchar fóra, os seus soños non os puideron facer na súa terra, aínda que para nós [a emigración] aportou moito porque collemos o mellor das dúas culturas. Estamos arraigadas na tradición galega, pero a realidade é que somos mulleres nacidas nunha capital multicultural, onde nos atopamos con músicos do mundo enteiro e aprendemos deles.

-¿Por que agora a necesidade de reivindicar ese pasado?

-Xa se superou, pero non se esquece e hai moita xente que non lembra ou non quere recordar o que se pasou na época de Franco, pero nós sabemos que está aí. Necesitabamos contalo, porque aínda que estamos fóra temos a Galicia moi presente. Nós non queremos entristecer a ninguén, pero é a historia que nos fixo crecer.

-¿Como se mantén a tradición tan lonxe?

-Polos nosos pais. Entras nas nosas casas e estás en Galicia, pola comida e polo xeito de falar. Tamén porque empezamos dende nenas no Centro Galego de Bruxelas, tiñamos entre 5 e 9 anos todas, e empezamos alí a tocar e bailar e alí viñan os profesores mandados pola Xunta todos os anos. Puxémonos a cantar cando nos precisaban para un baile e despois nunha actuación viunos a casa de discos EMI e díxonos que quería gravar un disco.

-¿Como foi a evolución dende aquel traballo?

-Seguimos sendo un grupo tradicional e de folk, pero hai un cambio enorme, o primeiro disco era puramente tradicional, no segundo incorporamos músicos, con arranxos novos e temas que xa non eran só a capela ou coa pandeireta. No terceiro o cambio de produción meteumos elementos electrónicos e incluso fixemos unha versión dun tema de Red Hot Chili Peppers e no cuarto, Simbiose, quixemos reflectir todas as mesturas e influencias que podemos atopar en Bruxelas. Neste quinto somos máis maduras e cantamos coa nosa propia voz, o que sentimos no peito. Temos moitas ganas que o vexa o público galego, porque hai moito tempo, creo que dende o 2006, que non fixeramos unha xira. Aínda que viaxemos polo mundo enteiro coas nosas cancións para nós é importante volver a terra e ter esa crítica da terra.

-¿Fan un relatorio nos concertos sobre o que pasaron os emigrantes, que tal se recibe?

-Marisol fai unha narración entre unha avoa e unha nena que lle pregunta por que marchou, onde quedou o avó, quen lle ensinou a falar o francés e entre os temas van estes pequenos diálogos. É moi bonito, sinxelo e chega ao corazón, polo que síguenos emocionando. Aínda que é triste o pasado, contámolo de xeito positivo, falamos de seguir camiñando, por iso o Camiño, e seguir para diante, en vez de quedar atrás. Pese a que o principio é melancólico rematamos en festa rachada como calquera celebración galega, coa xente en pé cantando e bailando.

-Lograron chegar ao número un cunha canción deste disco.

-É un orgullo que un tema galego chegue ao número un na playlist belga, é importante para o grupo, porque aínda que din que o galego é difícil de vender, para nós non ten fronteiras, porque levamos a Galicia por diante polo mundo enteiro e sempre o noso espectáculo ten moi boa acollida.