Punto e Volta chega para recoller a tradición da bisbarra coruñesa

A CORUÑA

Un proxecto audiovisual pretende dar a coñecer a situación da música e baile na actualidade e xerar debates dende o punto de vista do xénero, o acceso aos arquivos, como se abordan as creacións e, incluso, a profesionalización na ensinanza

02 mar 2017 . Actualizado a las 19:26 h.

Unha radiografía contemporánea da música e baile en Galicia é a proposta que está detrás de Punto e Volta, un proxecto feito ao abeiro dunha bolsa que homenaxea ao xornalista e gaiteiro Nacho Mirás e pretende abrir debates que preocupan, cara o futuro, aos mantedores desa tradición. Esta tarefa, de recollida máis aló de cantos e bailes, acométena os xornalistas Raquel Pérez, Olaia Tubío, David Fontán e Alejandro Gándara, cun traballo que se pode ver xa, en parte, a través das redes.

 Non son meros transmisores externos, todos están ligados ao mundo da musica tradicional e parten da visión crítica e revisionista que lles transmitiron Rebeca Tallón e Noemí Basanta, profesoras de baile e pandeireta da asociación VivAntes, durante as clases que facían na parte de abaixo do Gramola, en Santiago. Elas cuestionaban que as recollidas se centrasen na música e o baile e explicáronlles que botaban en falta a historia vital dos informantes, que servise para coñecelos e saber o contexto que lles permitiu achegarse ao folclore. Elas déronlles o punto de partida da idea coa que acabaron presentándose e logrando unha bolsa Nacho Mirás.

«Punto e Volta busca estudar a función social das músicas e o baile tradicional a través de todas as xeracións que hai hoxe en día que os practican, dende informantes como Eduardo da Arnoba, uns dos que xa se poden ver na web do proxecto, que viviron antes da ruptura da transmisións oral, como a xente que veu despois desa ruptura, estudar as causas dela, que, por exemplo, no caso do Eduardo foi a emigración», comenta Alejandro Gándara, que explica que tamén quixeron contar coa seguinte xeración, que sitúa na quinta de Mercedes Peón, que é a que «comezou co tema das recollidas e coas asociacións, co baile para as representacións, moi folclórico. Queriamos investigar un pouco ese modelo e se ese modelo, sen negar que foi o que durante moitos anos mantivo a música tradicional viva, puido afastar a moita xente». Relata que a rixidez coa que se traballou no campo do folclore, como recoñecen algúns dos entrevistados, afastou a moita xente. «Pasounos a nós, a David Fontao e a Olaia Tubío, que empezaron baile e música tradicional de novos e que acabaron deixándoos porque non lles gustaba o tema asociación, poñerse o traxe no verán a 40 grados», resume á hora de expoñer cuestións conflitivas como as actuacións cara o público seguindo patróns repetidos, e lucindo traxes que non se acomodan ás estacións e que algúns non consideran axustados ao presente.

Este proxecto, que xa se pode ver en Internet, tamén busca retratar á nova xeración, «que empeza moi forte co tema das foliadas, e supón a volta ao orixinal, a festa e a espontaneidade», resume Gándara, que di que non desbotan entrevistar ata a cativos para ver como viven eles este tipo de experiencias.

A novidade das recollidas de Punto e Volta non está tanto nos informantes, aínda que se demostra que aínda quedan maiores capaces de transmitir e xente nova que abre novas perspectivas, senón os debates que os catro xornalistas buscan que aborden todos eles. «Tivemos dúas profesoras Chus Caramés e Carme Campo que ensinan baile tradicional con perspectiva de xénero e parecíanos interesante cuestionarse se da tradición o temos que traer todo, ou podemos distinguir como queremos que sexa o que transmitimos as novas xeracións, porque hai valores implícitos que se teñen que ter en conta», di, sobre o papel que lle deu, por exemplo, no baile aos homes como guías.

Pero tamén reabren o tema da propiedade dos arquivos persoais, por canto a dixitalización e a aposta pola cultura libre supón unha revisión para todo un patrimonio cultural que se logrou manter polo esforzo persoal, pero do que sempre se cuestionou se algo que se transmitiu de balde, aínda con custe para quen fixo o labor, pode quedar secuestrado como un ben privado.

Nun momento en que os coros volven defender a importancia que tiveron como mantedores de parte da herdanza, estes catro xornalistas tamén abordan dentro das súas recollidas ese tipo de formacións e o debate sobre en que posición situalos.

As entrevistas que fan no proxecto, que tamén inclúen mostras de música e baile, dan pé tamén a falar de se ten cabida algo novo. «Antes creábanse coplas que falaban da vida naquel momento e naquel contexto e hoxe na música tradicional séguese reproducindo así, con aquelas temáticas e as coplas como eran. Queremos abrir o debate de se sería positivo se a xente que fai música tradicional agora empeza a compoñer coplas co día a día, sen perder o xeito de que en catro versos contan un mundo, pero falando das cousas actuais», explica Gándara, que relata que outro tema que abordan, aproveitando as entrevistas a profesores de folclore, é a necesidade de profesionalizar a ensinanza da música tradicional. «Cada un foi aprendendo como puido e case non hai comunicación entre os profesores. Dicíanos sobre isto Xurxo Fernandes, que ‘somos un país das leiriñas’ e é un tema que está aí», di Gándara, recoñecendo que os manuais feitos sobre o tema non serviron para unificar ao sector.

Na web do proxecto pódense ver catro destas recollidas, pero levan feitas doce e este traballo, que conta con achegas da bisbarra coruñesa, «non ten fin». Xa presentaron a memoria da bolsa e agora irán sacando o material, para despois buscar financiamento para continuar. «Non temos data límite para Punto e Volta», din.