Xosé Fernández Ferreiro: a ceo aberto

Francisco X. Fernández Naval

A CORUÑA

13 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Un ano sen Pepe. O tempo devorando os días. Xa o dicía el, que sempre soñou ser neno. Velaí, quizais, o enigma que entrañaba a pregunta que me fixo pouco antes de morrer: En que virá pensando o neno aquel, subido ao carro, baixando de Corte Cadela na tarde ventoreira?

Esoutro día dei cun camareiro que durante anos lles serviu o café a el e a Álvarez Torneiro. Cando me viu non me identificou por min, senón por el: Fernández Ferreiro, dixo. Durante estes meses atopei lectores que volveron aos seus libros, dando cumprimento ao que Arturo Cuadrado lle dicía a Alejandra Pizarnik: cando un poeta morre, hai que ler os seus versos. O que tamén será de aplicación aos novelistas. E sei de quen fatigou librarías de vello e portais de libro usado en internet buscando Ribeirana do Sil, o seu primeiro libro, e de versos, publicado en 1952.

Pepe sabía o enorme esforzo que supón construír unha novela. Vencíao a fatiga e a dor das costas e decidiu non escribir máis. Pero era narrador e non podía deixar de contar, por iso, durante os últimos dous anos traballou nun libro de relatos ao que titulou ULCIS. No verán de 2015 considerábao practicamente feito. No seu arquivo figura unha versión última de outubro dese ano. Aproveitando este día de lembranza e conmemoración podo anunciar aos seus lectores, que pronto haberá novidade editorial de Xosé Fernández Ferreiro, amais da reedición dalgún dos seus títulos máis emblemáticos.

Eu escribinlle un poema titulado Xa non regresaremos, que remata con estes versos: Quixémonos/ nunha conversa de homes/ unha mañá de domingo/ abeirados ao abismo dun leito hospitalario./ Querer será o mañá/ cando xa nos faltemos/ cando non regresemos/ aos versos do autobús,/ aos cafés con Torneiro./ Querer será o último./ A ceo aberto.