«Esta é unha ópera a vella usanza con ballet e coreografía»

La Voz

A CORUÑA

. G. R.

«A Raíña Lupa», que se estrea o 2 de xullo no Colón, ten un libreto de Xan Pérez sobre o texto do Códice Calixtino

30 jun 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Fai máis de 15 anos, cando dirixía en Santiago de Compostela a Xove Orquestra Sinfónica de Galicia, tiven a idea de escribir unha ópera sobre a lenda da Raíña Lupa, pero a tarefa non foi fácil». Isto conta Fernando Vázquez Arias que o sábado, ás 20.00 horas no Teatro Colón, dirixirá a estrea desta ópera, a primeira que escribe. Estarán con el no escenario a coral polifónica Follas Novas, Gabriel López ao piano e as voces de Teresa Novoa (soprano), Javier Palacios (tenor), Diego Neira (tenor), Axier Sánchez (barítono), Clara Jelihovschi (soprano), Alba López (soprano), María José Ladra (mezzosoprano) e Gabriel Alonso (barítono).

-¿Por que era tan complicado facer esta ópera?

-Unha das cousas era polo libreto. Fun explicando a miña idea a distintos escritores, deixándolles un tempo prudente para reflexionar, pero foron declinando todos eles a proposta. E así pasaron anos ata que buscando outro libretista atopei a Xan Pérez López, coñecedor do mundo do teatro e da televisión, que escribe contos e fabrica os monicreques para os seus espectáculos. Dixo que podía facer o libreto e ao cabo dunha semana presentoume unha sinopse que me gustou moito.

-¿Como ve a Raíña Lupa?

-É unha figura moi matriarcal, unha muller de carácter, rebelde contra todo que conecta ben coa época actual.

-¿Como foi a escrita da música desta ópera?

-Empeceina no mes de xullo do 2013 e a finais de marzo do 2014 estaba rematada a partitura nunha versión para voz e piano. E unha vez rematada a ópera, comecei a gran tarefa que era a instrumentación para orquestra sinfónica que remataría a finais de xaneiro deste ano. Na miña idea de ir dándolle forma á ópera, conectei con Manuel Rajal, mestre e debuxante, que tiña moita experiencia no tema porque xa fixera anteriormente unha historia da zarzuela en cómic e convencino para que ilustrara as principais escenas da ópera, que resolveu de inmediato e dun xeito brillante e atractivo, inspirándose nos lugares da lenda descrita no libro do Códice Calixtino.

-¿Como van os ensaios?

-Moi ben. Os doce solistas están sorprendidos e encantados con esta ópera porque en Galicia non é habitual facer algo así. Algúns están entusiasmados co seu papel e vese que todos están desfrutando. A estrea incluirá arias, dúos, tríos, cuartetos e coros da ópera, en versión concerto. Esta é unha ópera a vella usanza con ballet, coreografía, orquestra... O segundo acto empeza na praia da Lanzada, co ballet durante máis de dez minutos actuando coa orquestra e facendo o baile das olas. Aí está toda a tradición galega.