Intervención pide un acordo mínimo para evitar un presuposto defectuoso

Xosé Vázquez Gago
Xosé Gago A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

Afirma que os partidos deben acadar un pacto político na Comisión de Facenda para presentar un documento único ao pleno ou as contas non cumprirán a normativa

17 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Faltan menos de dúas semanas para que empece xuño, o sexto mes do ano, e o Concello segue cos presupostos que o PP aprobou en decembro do 2014, pero sen as partidas de inversións e convenios, que non poden pasar dun exercicio a outro. As entidades sociais, culturais e deportivas temen pola súa actividade, pendentes da chegada de achegas municipais, pero os grupos non alcanzaron un acordo e manteñen aberto o debate sobre as alegacións, que poden cambiar de forma substancial o orzamento definitivo. Mañá reunirase a Comisión de Facenda para decidir a validez desas reclamacións.

A proposta

Para cumprir a lei. No seu informe sobre as alegacións, o interventor xeral do Concello conclúe con dúas propostas para evitar que se aprobe un documento contrario á normativa, o que podería ocorrer se se manteñen os fortes desacordos que acompañaron todo o trámite do texto. No último parágrafo do seu informe de 19 páxinas, o interventor insiste na «obrigación legal» de aprobar un orzamento que sexa «unha expresión cifrada, conxunta e sistemática», é dicir coherente. Para conseguilo, propón dous métodos. O primeiro é exhaustivo e en aparencia moi traballoso. Consistiría en redactar documentos completos que recollan todos os cambios que provocarían as diferentes alegacións e as combinacións entre as mesmas. O segundo quizá requira menos papelorio, pero non parece menos complicado. Pasaría por que a Comisión de Facenda limitase, «no ámbito político (non técnico)», unha proposta de «acordo e documento orzamentario único que levar ao pleno». É dicir, que se alcanzase un acordo para aprobar as contas, o que non ocorreu durante o últimos oito meses.

A dificultade

Os desacordos. Marea, PP e PSOE presentaron alegacións ao orzamento e, como xa indicara o director de área de Facenda, son incompatibles. O interventor, no seu informe, di que a aprobación simultánea daría pé a un «acordo incoherente». A presentada por Marea trata de reverter gran parte dos cambios introducidos na fase de emendas por populares e socialistas, que se todo sigue igual veranse abocados a votar xuntos para mantelas.

O informe

Errores múltiples. O interventor pon peros ás alegacións presentadas por todos os partidos. Considera que a do BNG non se axusta aos motivos que permiten presentar reclamacións. Di que a do PSOE é máis «unha rectificación de erros» que unha alegación, e apunta a presenza dalgún erro menor nas cifras. Na do PP non atopa desaxustes. Si afirma que unha dos seus partes non se axusta aos motivos para reclamar, pero sinala que a corrección que pretenden os conservadores, para aclarar a finalidade dos convenios municipais con distintas entidades, podería facerse «en calquera momento nun punto independente». Sobre a alegación presentada pola concelleira de Marea Claudia Delso, que o goberno asumiu como propia, o interventor advirte que nalgún punto «non é clara», o que podería «comprometer o principio de seguridade xurídica». Advirte que outra parte podería non axustarse aos motivos para reclamar, e sinala que noutros puntos é difícil concluír se é posible ou non aprobala, porque non separa «gastos necesarios», que se poden axustar agora, doutros para impulsar «novas políticas», que se terían que introducir nas fases anteriores do trámite.

As obrigacións

Dúas sentencias. O interventor considera que «sería posible, mesmo obrigado», incluír nas contas dúas sentenzas xudiciais que suman 860.000 euros e que non se tiveron en conta á hora de redactar o texto inicial

As dúbidas

Traballo para o secretario. Ao principio do seu informe, o interventor expón cuestións xurídicas que deberá resolver o secretario se se poñen sobre a mesa. A primeira é se concelleiras que votaron a favor ou se abstiveron poden presentar alegacións, o que ocorrería nos casos de PP e PSOE e Claudia Delso. A segunda é se sería necesario volver ao trámite de aprobación inicial porque as alegacións (suponse que a de Marea) poderían alterar «substancialmente».