Guadi Galego:« Matriarcas non é un himno, é unha canción de amor ás mulleres»

ALEJANDRO GÁNDARA A CORUÑA

A CORUÑA

Guadí Galego
Guadí Galego CEDIDA

El lunes 3 de agosto ofrece un concierto dentro del Noroeste expandido en el Castilló de San Antón

03 ago 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

Guadi Galego (Cedeira, 1974) é unha das voces máis persoais do panorama musical de Galicia. Logo do éxito do seu último disco, Lúas de outubro e agosto (Fol Música, 2014), cuxo primeiro single, Matriarcas, xa supera as 100.000 visualizacións en Youtube, atópase centrada na súa carreira en solitario. A cantante, que deu voz a grupos como Berrogüetto ou aCadaCanto, actuará o vindeiro luns a partir das 22.30 horas no Castelo de San Antón, unha das actuacións que conforman o Noroeste Pop-Rock.

- Fálame da túa identidade musical, ¿como se conformou ata chegar ao teu son actual?

Eu viña da música tradicional, polo que a miña esencia como artista ten moitísimo que ver coa música popular do país. A partir de aí, nun proceso lóxico e de maduración tendes a explorar outro tipo de músicas. No meu caso fun da música tradicional ao folk e á música de autora, e por necesidades ou expresións distintas neste último disco busco unha sonoridade un pouco máis global pero que non se afaste do que é a miña identidade como persoa, como artista e como música.

- O teu disco, a pesar de ser un xénero no que o galego non é común, tivo éxito. ¿Cres que o galego segue encadrado en certos estilos?

O que faría falta é unha normalización lingüística que non existe. Se cadra o galego aínda está encadrado no que son as músicas populares ou a música folk e probablemente lle custa situarse noutro tipo de músicas con naturalidade. Polo tanto, a solución pasa por que o país acade un proceso de normalización lingüística que non dá acadado.

- ¿Se cadra é necesario que festivais como o Noroeste aposten máis por el?

Evidentemente para min esto vai ser unha experiencia fantástica, porque o certo é que non é fácil entrar en ningún tipo de festival coma este sendo alguén que canta en galego, polo que para min foi unha alegría.

- A canción máis soada do teu último disco, Matriarcas, tivo unha recepción moi boa, máis tamén recibiu certas críticas por amosar unha imaxe "estereotipada" das mulleres. ¿Que pensas disto?

Desde o respecto absoluto a calquera crítica, Matriarcas non é ningún himno nin pretende facer apoloxía do feminismo, é unha canción de amor cara as mulleres. O concepto de matriarcado é algo difuso na nosa sociedade, é un concepto moi particular. Quen fixo esa crítica ten o seu e eu teño o meu, os dous son válidos, e desde logo cada un pode darlle a interpretación que lle queira dar, mais esa non é a miña.

- ¿Cal é a túa mellor lembranza tocando na Coruña?

Todas as miñas lembranzas da Coruña son boas. Sempre que toquei na Coruña desfrutei moitísimo porque o público coruñés é un público moi afectuoso e moi receptivo. Quédame a espiña de non ter tocado nunca en María Pita, pero desde logo o Castelo de San Antón é para min un marco incomparable.