«A Marea tamén incorpora o feminismo á política local»

Eduardo Eiroa Millares
E. Eiroa A CORUÑA

A CORUÑA

25 abr 2015 . Actualizado a las 18:39 h.

A número dous da Marea, Rocío Fraga (A Coruña, 1976) ten vinculación coa política e os movementos sociais desde nena. Actualmente desempregada, formouse como socióloga e traballou antes para entidades sen ánimo de lucro e temas de promoción do emprego.

-¿Como chegou á Marea?

-Veño dunha familia participante, busquei o espazo político desde que teño uso de razón. Comecei no ecoloxismo, antimilitarismo e logo no feminismo e nos espazos autoxestionados.

-¿Algunha vinculación política?

-Estiven uns meses en EU, deixeino porque atopei outros espazos que ían máis co meu xeito de entender o mundo.

-¿Como se define politicamente?

-Son feminista, e dentro das etiquetas esquerda e dereita, de esquerdas.

-¿Como encaixa iso na Marea?

-A Marea tamén incorpora ao feminismo, a intención é que chegue tamén á política local, e hai espazo para incorporar movementos sociais.

-¿Nacionalista?

-Non me sento cómoda con esa etiqueta. Defendo a cultura galega.

-Nun escenario sen maiorías, ¿haberá pactos e con quen?

-Abriríanse procesos de negociación sempre co noso código ético diante, que é dos máis duros que existe. No caso de pacto faríamos unha consulta cidadá con noso censo, o que empregamos nas primarias, non máis para evitar manipulacións.

-Na investidura, ¿deixarían gobernar ao PP en minoría se ninguén os apoia a vostedes?

-Habería que consultalo coa nosa rede (un grupo dunhas 200 persoas, «núcleo duro» da Marea), pero é máis posible que alguén nos apoie a nós que non ao revés.

-¿Que resultado electoral se marcan?

-O obxectivo é superar ao PSOE tanto en votos como en concelleiros.

-Din que deixarán de facer grandes obras mais, ¿cal é o liña que marca o que é unha grande obra?

-Orzamentariamente non o temos definido, pero a Mariña o é, e o parque do Observatorio no Agra, non.

-Tres temas coruñeses: Ofimático, Someso e Conde de Fenosa.

-No Ofimático o que máis nos preocupa é que non desafiucen familias, no Conde de Fenosa haberá que esperar e, se é preciso, pedir responsabilidades. Someso foi só un pelotazo e nolo teremos que comer

-¿Que destaca da Marea?

-Que representa iniciar un proceso participativo real da cidadanía na política. Vai ser o empoderamento do cidadá.

-¿E a maior crítica aos catro últimos anos?

-Derroche, cemento e corrupción. A Pokémon representa aquí o mesmo que o caso de Rato a nivel nacional.

carrera Hacia las urnas