Máis de 4.000 militantes da provincia están chamados ás urnas nas primarias socialistas

La Voz

A CORUÑA

Os alcaldes de Culleredo e Oroso, Sacristán e Mirás, dispústanse a secretaría provincial

29 nov 2014 . Actualizado a las 14:47 h.

Os 4.237 militantes do PSdeG-PSOE e Xuventudes Socialistas na provincia da Coruña están chamados este domingo ás urnas para elixir co seu voto ao novo secretario provincial dos socialistas coruñeses, un cargo para o que se presentan os alcaldes de Culleredo e Oroso, Julio Sacristán e Manuel Mirás, tras superar ambos amplamente o número de avais necesarios para participar no proceso.

A da Coruña será a primeira agrupación provincial do PSOE en elexir ao seu líder mediante o voto directo da militancia.

O horario xeral de votación será de 12.00 a 20.00 horas, aínda que algunhas agrupacións con menos de 100 militantes poden optar por un horario reducido de catro horas consecutivas, mentres outras, entre elas as grandes cidades, votarán entre as 10.00 e as 20.00 horas.

A militancia elixirá tamén aos delegados ao Congreso Provincial do vindeiro 13 de decembro e na Coruña, Santiago, Ferrol, Ribeira e Carballo elixirán tamén aos candidatos á alcaldía nas súas respectivas localidades.

A partir das 20.00 horas, unha vez pechados os 84 centros electorais habilitados na provincia para a xornada electoral, comezará o escrutinio. A orde de apertura das urnas será a seguinte: Elección do secretario xeral provincial, elección de delegados/as ao Congreso Provincial e elección de candidato/a á alcaldía.

Os datos e as actas do escrutinio serán transmitidos polo responsable de cada centro electoral á Comisión de Garantías Electorais, na sede provincial do PSdeG-PSOE na Coruña, onde se recopilarán os datos facilitados polas agrupacións e se proclamarán os resultados provisionais do reconto ao longo da noite.