Caxade e Grampoder levan o pop galego á Mardi Gras

Dolores Vazquez A CORUÑA

A CORUÑA

Os dous grupos fundironse ao final do concerto
Os dous grupos fundironse ao final do concerto Dolores Vazquez

Retroalimentación apostou esta noite polo pop galego con dúas bandas composteláns con proxectos singulares

25 oct 2014 . Actualizado a las 20:46 h.

Xa que como di Caxade, o Womex é para os turistas, dúas bandas de Santiago trasladáronse hoxe a A Coruña mentres alí se levaba a cabo unha cita internacional da música. Os primeiros en subir ao escenario da Mardi Gras foi a banda formada por Le Roi e Martin Wu: Grampoder, que nesta ocasión viñeron acompañados por un teclista amigo. Presumen de facer «rock portátil, pop campestre, folk psicodélico e hardcore comeflores». A actuación, dentro do ciclo de concertos do blog Retroalimentación, serviu para presentar «Golf Whiskey», o seu único traballo ata o momento e que colle o título do sinal náutico que alerta de que un tripulante caeu a auga e coa que se pide axuda para o rescate. Se cadra as reminiscencias náuticas quedáronlles das camisetas a raias da súa anterior banda, The Homens.

Non hai que deixarse enganar polo sons melódicos de Grampoder, as letras de cancións como «Porcos», «Champán», « Fort Bravo» ou «Capitalismo» levan crítica social.

Tamén a fan, aínda que cunha aposta máis folk, Caxade, o proxecto persoal de Alonso Caxade, que define como «música elegante, modesta e sinxela, surrealismo pós-modernista e discurso reivindicativo, metafórico e irónico». É un banda atípica, un éxito audiovisual foi o que lles deu pulo para chegar a «Dança dos moscas», un disco no que amosan a súa clara «implicación social» con ironía e retranca, que acompañan dunha coidada aposta estética.

A súa canción «Xente pota» en contra das clases dirixentes deu visibilidade a unha banda que integran, xunto a Caxade, Manu Paino, Manu Espinho e Xosé Tunhas.

«Sen pasado no presente non teremos futuro», foi unhas das mensaxes de presentación con contido con que anunciaban todos os seus temas. O final de concerto puxéronno as dúas bandas sobre o escenario, antes dos bises onde Caxade tirou da tradición versioneando letras e rematou coa mesma peza que comezou e co obxectivo de que quede algo «as fillas das nosas fillas».