Sés, Xabier Díaz e Junkera únense en prol do galego

A CORUÑA

Concierto de sés, Kepa Junkera y Xavier Díaz en el Ágora
Concierto de sés, Kepa Junkera y Xavier Díaz en el Ágora EDUARDO PEREZ

Usuarios das bibliotecas municipais encheron o Ágora para este «agasallo» musical

24 oct 2014 . Actualizado a las 21:18 h.

Por iso de que o concerto era para lectores que buscan historias, o de hoxe no Ágora comezouno Sés con explicacións que parecían relatos curtos. Fíxoo ante un auditorio cheo, grazas aos convites _eses que voaron en tres días_ para os usuarios das bibliotecas municipais que optaron polos préstamos en galego. A entrada era un pase para un concerto con tres expoñentes da música galega dos últimos tempos: a brava Sés, o omnipresente Xabier Díaz e o basco Kepa Junkera, a quen se lle debe unha grande escolma de música galega co seu último traballo, «Galiza».

Sés optou, como fixera no seu festival Desaramar, por dar leccións feministas, nun recital intimista no que fixo unha contundente defensa da amizade, da diversidade cultural, da rebelión e contra os actos de represión e recurte de dereitos.

Díaz, á pandeireta, e Junkera, á trikitixa da que é un experto, arrincaron a segunda parte do recital e incluso permitíronse facer unha competición con distintos instrumentos de percusión.

As Adufeiras de Salitre, alumnas de Díaz, acompañarónnos no escenario en varias pezas, e ata nunha delas contaron cunha parella de baile.

Sés e o seu guitarrista Tito Calviño sumáronse ao grupo, ao que tamén se incorporou un gaiteiro, e Díaz e Sés, profesor e alumna noutro tempo, ata amosaron as súas capacidades como bailadores. Xa animada, Sés optou nos bises por seguir bailando e se o público se tivera animado máis a cousa remataba en foliada.