Alternativa estuda presentarse en varios concellos da comarca

maría ballesteros OLEIROS / LA VOZ

A CORUÑA

PACO RODRÍGUEZ

García Seoane cre que, con estar en catro municipios, podería entrar na Deputación

17 oct 2014 . Actualizado a las 05:00 h.

O alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, segue dándolle voltas á idea de sentar con pleno dereito nun escano da Deputación, de onde este ano foi expulsado por tratar de intervir dende o palco do público, e xa iniciou contactos para que Alternativa dos Veciños poida exportar o seu modelo a outros concellos da bisbarra, que non quixo concretar. «Hai moitas posibilidades», asegurou onte o rexedor durante a presentación do proceso de primarias que hoxe inicia a súa formación cunha asemblea veciñal na parroquia de Dorneda.

García Seoane deixou ben claro que é unha decisión que deberá tomar a executiva de aquí ao mes de decembro e aínda que foi moi cauto ao asegurar que a presentación de listas a las municipais «non está descartada», deseguida destacou as posibilidades de éxito da formación de base veciñal máis alá das fronteiras de Oleiros. «Sabemos que nalgúns casos, se o facemos, teriamos asegurada a representación», asegurou García Seoane.

Posibilidades dun deputado

Sen querer buscar opoñentes -cando menos, non antes de tempo-, o alcalde oleirense dixo que, aínda que están «falando con xente», a intención de Alternativa non é «crearlle problemas a ningún partido». Pero as contas de cara as municipais están feitas: se a formación de García Seoane consegue representación en polo menos catro concellos, o obxectivo estaría cumprido, segundo o alcalde oleirense. «Nós con toda seguridade teríamos un deputado», engadiu.

García Seoane precisou que neste momento para ter un deputado en A Coruña son precisos 12.000 votos, un escenario que en caso de que houbese moita abstención sería aínda máis favorable para os seus intereses.

Non obstante, o horizonte máis próximo para Alternativa está na asemblea que esta tarde, ás 20.30 horas, se vai celebrar na casa do pobo de Dorneda, una reunión aberta a todos os veciños da que sairán os aspirantes a formar parte da lista de Alternativa para as municipais. Estas reunións celebraranse en outubro e novembro e cos nomes que saian delas elaborarase unha lista de 30 candidatos que os cidadáns votarán en febreiro, durante unha xornada electoral que se celebrará en Santa Cruz. Os veciños recibirán antes unha papeleta cos nomes e as fotos dos candidatos. Nos pasados comicios votaron máis de 3.400 persoas.