Paz: «Esta novela está escrita diante dun plano da Coruña»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

01 ago 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Abre unha nova edición da Feira do Libro da Coruña nos xardíns de Méndez Núñez. Será hoxe, de 11.00 a 14.00 e de 18.00 a 22.00 horas. Ese será o horario durante os próximos dez días da feira, na que participan 31 librerías. O acto inaugural terá lugar hoxe, as 12.30 horas, e a primeira das presentacións literarias será a da novela de Agustín Fernández Paz A viaxe de Gagarin (Xerais). O acto terá lugar as 19.00 horas e unha hora antes o escritor asinará exemplares na caseta da librería Pedreira. «Xa hai varias semanas que saíu a segunda edición», explicaba onte o autor dunha obra na que o protagonista, «mentres coida no ano 2011 á súa nai, sabe da celebración dos cincuenta anos da viaxe de Gagarin, o que fai que se desencadeen as lembranzas do que viviu entre o 12 de abril de 1961, cando Gagarin viaxa ao espazo, e o 21 de xullo de 1969, ó pisar Neil Armstrong a lúa», explicaba o escritor. Esas vivencias teñen moito que ver coa Coruña e de feito «esta novela está escrita diante dun plano da Coruña dos anos sesenta», apuntaba onte Fernández Paz, que nos anos setenta foi veciño da cidade. Tamén recoñecía que esta novela «deixoume encantado» o mesmo que o blog Gagarin do que fixo 30 entradas. De todos os xeitos, «estou desintoxicándome dos anos sesenta», polo que non haberá segunda parte desta novela. Na presentación desta tarde, Fernández Paz estará acompañado por María Xesús Fernández e Manuel Bragado.

Presentacións e firmas

Outros actos previstos para esta tarde son a firma de exemplares de Pedro Sánchez Negreira de Verde como el hielo na librería Cascanueces as 19.00 horas. Tamén asinará libros Manuel Rivas, as 21.00 horas, a mesma hora na que Olga Patiño presentará o seu poemario Silencio habitado (Pigmalión Ediciones). Para as 20.00 horas está prevista a presentación do manifesto O galego: na fronteira da extinción.

maría pita 2014