«Nesta zona o caciquismo é un problema moi serio»

Toni Silva / Alberto Mahía CURTIS / LA VOZ

A CORUÑA

JORGE CAMPOS

Ademais de seis igrexas e o cárcere de Paradela, o cura abrirá este verán un local para Cáritas Diocesana

23 mar 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Leva máis de sete anos con Teixeiro como base de operacións. Xestiona seis igrexas ás que hai que engadir unha importante labor na prisión situada neste Concello. Pero todo labor é insuficiente para o párroco Manuel García Souto: está ultimando un local para acoller a sede de Cáritas.

-¿Cáritas é agora o seu principal proxecto?

-É un proxecto necesario e vital para afrontar a crise. Levamos roupa ao cárcere, pero tamén cartos para os presos máis indixentes, para que poidan tomar un café ou mercar unha tarxeta telefónica. Tamén facemos un servizo de recollida de paquetes porque hai moitos presos de lonxe cuxas familias non poden facer esa entrega e as remiten á igrexa.

-¿Como lle chaman os presos?

-Páter ou padre, principalmente. Nada de «señor cura» ou don Manuel.

-Pero o local aínda está en obras. ¿Cando prevé abrilo?

-Esperemos que no verán estea rematado. Conto cun equipo de voluntarios, un grupo de xente moi boa. Moitas veces usamos os laicos de xeito errado, só para cousas litúrxicas pero tamén deben xestionar estas cousas.

-¿Cambiaron as necesidades dos veciños dende a súa chegada?

-Hai uns anos non había necesidades económicas, polo menos no rural. Pero hoxe non chegan as axudas. Hai unha familia desafiuzada por Bankia, e outras tamén con fillos pequenos pasando apuros... Aquí non é tanto o comer, senón o traballo e os recibos. Tamén hai demanda de atención á xente maior.

-¿Conta con axuda das administracións?

-Todo o facemos coa achega dos fieis en con Cáritas Diocesana de Santiago. Pero, por exemplo, estamos agora restaurando o terceiro retablo da igrexa de Santaia, e todo grazas a achega dos fieis máis algunha subvención da Deputación. Co Concello non teño relación. Nos dous primeiros anos si, ate que houbo problemas co cemiterio... Nesta zona o caciquismo é un problema moi serio, loitar contra ese caciquismo desgasta moito. O Concello nunca me deu nada, ao principio algunha cousa pequena. Dáme a sensación de que máis que o ben xeral buscan o ben deles.