«O libro dos Camiños de Santiago é unha maneira de facer Galicia»

Rodri García A CORUÑA / LA VOZ

A CORUÑA

10 mar 2014 . Actualizado a las 09:20 h.

Conta varios feitos da súa vida polos que, asegura, «estaba destinado» ao mundo do libro; un foi na mili, onde o escolleron para a librería do campamento: «Eramos 6.000 soldados e escolleron a dous». Un deles era Francisco Rodríguez Iglesias (Taboada, 1949), presidente de Hércules Ediciones. Nos últimos meses dúas obras deste selo foron premiadas. Primeiro, foi a Asociación de Heráldica, Genealogía y Nobiliaria de Galicia a que concedía a Hércules o premio Padre Crespo polos seis tomos da heráldica, xenealoxía e nobiliaria do Proxecto Galicia. Outra distinción foi a da Enxebre Orde da Vieira, concedida «polo sobranceiro testemuño da súa galeguidade» e «polo sobresaínte da súa fecunda actividade no mundo».

-¿Como valora estes premios?

-Valoro calquera premio de calquera signo porque iso significa que hai quen recoñece o que ti estás facendo, que é valorado. Ademais, este último foi entregado en Madrid, onde eu empecei. É un estímulo.

-Foi pola obra dos Camiños.

-Si. Presentamos A gran obra dos Camiños de Santiago na Casa de Galicia en Madrid e foi un éxito enorme, con dous salóns cheos de xente. Eu son un defensor total dos Camiños de Santiago, creo que están a un 10 ou 15 % das posibilidades reais que teñen. Esta é a obra máis importante que se ten feito sobre os Camiños. O Camiño redescubriuno Portomeñe e estamos vivindo diso. A gran vantaxe é que a promoción faina cada peregrino, non coñezo nin unha sola persoa que fixera o Camiño e que quedase descontento. Editar o libro dos Camiños é unha forma de facer Galicia.

-A ruta francesa está masificada, non poderá medrar moito...

-Ten o 80 % dos peregrinos. Esta obra hai que vela no contexto histórico. Nós ao principio tivemos críticas porque falabamos da gran obra dos Camiños e daquela era só o francés. Empezamos polo francés pero fixemos os outros; agora estamos co inglés e desde Zaragoza xa están pedindo que fagamos o camiño do Ebro... A idea é abarcar os Camiños na península ibérica e despois queremos ir a Italia, Francia e Centroeuropa.

-¿Cantos tomos máis?

-Queremos facer outros 15.

-¿Sempre en papel?

-Está todo preparado para pasar a e-book, a soporte dixital, cando queiramos. Pero, primeiro, non se vende, e segundo, mentres os dereitos de autor non estean protexidos as grandes obras de investigación é moi difícil que se publiquen en soporte dixital. En España a editorial que máis vendeu en e-book foi un 5 % dun libro. Sempre digo que o papel ten unha gran vantaxe: non necesita reprodutor, só saber ler.