«Pódense facer moitas cousas boas sen que custen diñeiro»

Fernando Molezún A CORUÑA / LA VOZ

FIRMAS

PACO RODRÍGUEZ

Atópase inmerso na celebración dos 35 anos que cumpre Tanxedoira

06 may 2013 . Actualizado a las 19:19 h.

Pódese dicir que naceu dentro de Tanxedoira e, con 29 anos, David Loureiro ocupa a presidencia desta asociación cultural con base no Barrio das Flores que está celebrando o 35.º aniversario da súa creación. O seu é a paixón pola música e demostrar que se poden facer moitas cousas sen necesidade de que exista un interés económico detrás.

-¿Como naceu Tanxedoira?

-Xurdiu na parroquia de Santa María de Oza en 1978. Eu aínda non estaba, claro. E foi como proposta dos parroquianos en torno ao cura Juan Vila e Antonio Noche, para que os cativos non andaran polas rúas. Nun primeiro momento, e baixo o nome de Asociación Cultural Juvenil Santa María de Oza, se programaron actividades de tipo musical e, ao estar relacionado coa igrexa, os nenos cantaban nas eucaristías.

-¿Cantos socios teñen?

-Actualmente pasan por aquí unhas 80 persoas. Pero é que temos unha peculiaridade. Faise un socio e todos os que viven con el pasan a ser socios tamén automaticamente. A diferenza é que o titular ten voz e voto nas asembleas, mentres que o beneficiario ten só voz. A cota é de 25 euros por curso, e as actividades son de balde.

-¿E con iso conseguen manterse?

-Aquí ninguén cobra nada. Isto é totalmente altruísta. E iso creo que é o que nos diferenza doutras asociacións. Haberá moitos grupos que fagan o mesmo que nós e incluso mellor. Pero gratis, non creo que sexan tantos. Isto conséguese coa boa vontade da xente. E iso creo que é unha boa mensaxe para os tempos que corren. Pódense facer cousas boas sen que custen diñeiro, compartindo o que cada un sabe facer.

-¿Vostede dende cando é socio?

-Cando nacín meus pais xa eran socios, así que levo toda a vida sendo socio. Se estou agora de presidente é porque creo que é unha maneira de devolverlle algo de todo o que aprendín aquí, botando unha man no que poida.

-¿E cando decidiu pasar a formar parte da directiva?

-Formei parte de todo e fixen, e sigo facendo, de todo. Cando era moi cativo, con 3 anos ou así, tivemos que saír da parroquia, pero unha veciña cedeu entón un baixo, o seu garaxe, para que a rondalla puidera ensaiar. E eu xa tocaba a pandeireta entón. Pouco despois fomos á Urbanización Soto, a un local que cedeu o Concello. E alí aprendín a tocar a frauta. Tiñamos tamén un coro de voces brancas, Aloumiño, que levou varios premios de panxoliñas. E con 7 anos xa tocaba a frauta na rondalla. Comecei entón a aprender guitarra e terminei sendo monitor de guitarra. E con 19 anos xa era membro da directiva. Isto é como a miña familia. Aquí atopei moitas nais.

-Será dos máis veteranos.

-Hai moita xente que leva dende o inicio. Meu irmán, Xulio Loureiro, por exemplo, que é o director da rondalla, leva os 35 anos que ten a asociación. É un sacrificio, pero ten moito a cambio se te apaixona a música. E ademais fas moitos amigos e coñeces xente. Meu irmán, coñeceu aquí á que actualmente é a súa muller. E casos como ese hai moitísimos.

-¿Está asegurado o relevo xeracional?

-Creo e agardo que si. Isto é un sentimento, eu lévoo no sangue. Vir aquí é unha paixón.

DAVID LOUREIRO PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN CULTURAL TANXEDOIRA