«Se non crese que haberá novo colexio xa tería tirado a toalla»

O director do colexio brigantino asegura que a calidade do ensino está garantida pese á grave masificación

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.
Otero leva catro anos dirixindo o colexio de Betanzos. César Delgado

Se a dirección dun colexio fose un cargo político, Andrés Otero (Betanzos, 1958) tería que deixalo ou renovar en breve. Acaba de cumprir catro anos á fronte dun dos centros educativos máis masificados de Galicia, anos nos que viu como a demografía do Vales Villamarín medrou ate deixar insostible a súa supervivencia dende un punto de vista físico.

-Ademais de director estase a transformar vostede nun xestor de espazo.

-O que está claro é que o noso colexio ten un aumento progresivo de matrícula. Empecei como director hai catro anos. Entón había 880 alumnos e hoxe 977, case cen máis. Iso levou un aumento a 42 unidades, o que nos obrigou a achicar espazos. Tivemos que renunciar a aulas especializadas. Quedamos sen espazo, pero optamos por non aumentar as unidades e ter aulas con máis de 25 alumnos.

-¿Cales son as queixas máis habituais?

-Queixas como tal non temos ningunha. A colectividade do Vales Villamarín e tremendamente cooperante, sensata e pacífica. Hai que adaptarse á situación esperando tempos mellores mentres non chega o novo centro. O que si artillamos son medidas para que esta masificación non nos afecte. Por exemplo, en días de choiva o alumnado dos cursos superiores en vez de saír ao patio cuberto, queda no interior. E tamén damos prioridade as actividades.

-Entón non se resinte a calidade do ensino.

-Así é, e teño probas diso. Acabamos de entrar no plan Abalar, temos a parte do alumnado con ordenadores. Incorporámonos ao plan de melloras da biblioteca e a nosa é un exemplo de dinamismo, aberta toda a xornada lectiva, cun servizo de préstamo moi dinámico, absolutamente automatizada, con novo mobiliario... Temos un proxecto de innovación lingüística Lingua ó Día, onde participa a práctica totalidade do centro, temos un departamento que se ocupa de informatizar todo o centro,...

-¿Ve o novo colexio no curso 2014-2015?

-Si, totalmente. Se non fora así tería tirado a toalla. É unha necesidade perentoria. Os datos demográficos apuntan a un aumento do alumnado. Tamén percibo a interese por parte da sociedade de Betanzos, Coirós e Paderne, e tamén de toda a clase política. Todos están de acordo en que o colexio é necesario. Outra cousa é a crise, para ver de ónde sacamos os recursos. Sei que a Xunta se implicará nesta infraestrutura.

-Semella que a dirección traballa en sintonía coa ANPA.

-Absolutamente. Moitas actividades as facemos en colaboración, como as xornadas sobre a inclusión de todo tipo de alumnado. Todos os días temos actividades extraescolares organizadas pola ANPA, que tamén xestiona o servizo de comedor, temos o servizo de madrugadores, que recolle nenos desde as 7.30 horas, que poden almorzar aquí.

-¿Teme que o de dar clases nun corredor se poida converter nunha icona do centro?

-O labor do profesorado é impresionante, o apoio que prestan a maiores aos alumnos e sen espazos é moi loable, temos que aproveitar todos os recunchos. As veces por comodidade, é mellor estar no medio dun corredor que camiñar varios minutos de paseo ata un aula de profesores. Independentemente de que estea no medio dun corredor pode ser moi digno. O que facemos é optimizar todos os recursos. Nesta comunidade ninguén se racha as vestiduras por apoiar a un neno nun corredor. A clave para suplir a falta de espazo é a profesionalidade. Nas probas de Avaliación Diagnóstica, que encarga a consellería, melloramos o noso rendemento co respecto ao ano anterior e estamos por riba da media de Galicia. Garantimos a calidade no ensino.

Andrés Otero Director do colexio Vales Villamarín de Betanzos

Saber más...