Galicia lembra a Fernández del Riego

Lourenzá conmemora o centenario do seu nacemento

Valoración Con: 1 estrella 2 estrellas 3 estrellas 4 estrellas 5 estrellas   votos ¡Gracias! Envíando datos... Espere, por favor.

O intelectual galeguista Francisco Fernández del Riego (Lourenzá, 1913-Vigo, 2010) foi lembrado onte no centenario do seu nacemento. Na súa localidade natal, Lourenzá (Lugo), onde fora nomeado fillo predilecto no 2001, a figura de Fernández del Riego foi lembrada pola tarde nunha misa homenaxe, cunha ofrenda floral ante o seu busto e coa proxección do documental Pegadas na memoria.

O de onte será o primeiro dunha serie de recoñecementos que o intelectual recibirá ao longo destes doce meses, xa que o vindeiro pleno municipal declarará o 2013 como ano de Francisco Fernández del Riego. A rexedora laurentina, Emma Álvarez, avanzou onte que, en colaboración coa Xunta e coa Fundación Penzol, o Concello xa prepara unha serie de actividades para desenvolver en datas sinaladas, como o Día das Letras Galegas, celebración tamén impulsada polo que fora presidente da Real Academia Galega entre 1997 e 2001, ou no mes de novembro, coincidindo coa data na que Del Riego fora nomeado o primeiro fillo predilecto de Lourenzá.

Figura senlleira da cultura

Desde a Consellería de Cultura colaboran coa fundación, presidida por Del Riego desde 1963 ata o 2009, e co Concello, para conmemorar o centenario do nacemento do intelectual «co obxectivo de difundir o labor dunha das figuras máis senlleiras da cultura galega do século XX». O Calendario do Libro e da Lectura 2013, unha iniciativa promovida pola Secretaría Xeral de Cultura, está accesible na Rede e recolle, entre outros actos, o 50.º aniversario da Fundación Penzol.

Entre outras personalidades, acudiron onte a Lourenzá a delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, o deputado provincial Alfredo Llano, e o cronista oficial de Foz, Suso Fernández.

Por outra parte, a editorial Galaxia presentará o xoves 10 en Vigo o libro Francisco Fernández del Riego. Vigo dende o corazón de Galicia. Na Casa de Cultura asistirán á presentación do volume Alfonso Zulueta de Haz, presidente da Fundación Penzol, ademais de Xosé Luís Franco Grande, María Dolores Cabrera ou Malores Villanueva.

Más información

 

A alcaldesa e a delegada da Xunta, na ofrenda. pepa losada