«A Rosalía encantaríalle Pereiro»

Luís Pousa Rodríguez
luís pousa REDACCIÓN / LA VOZ

A CORUÑA

O escritor celebra o entusiasmo co que Galicia festexa o seu Día das Letras

17 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Este Día das Letras sopra sobre Galicia con ventos de modernidade da man de Lois Pereiro. O presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, reivindica a vitalidade dunha data que se converteu no «gran día da patria galega».

-Este é o primeiro Día das Letras sen Paco del Riego, que o inventou alá por 1963.

-Pois si. Paco del Riego creou o Día das Letras Galegas apoiado polo arquitecto Manuel Gomez Román e polo historiador Xesús Ferro Couselo. Eles son os causantes.

-E 49 escritores despois, ¿haberá que reinventar a data?

-Reinvéntase soa, é unha data tan viva que foi cambiando ao longo dos anos, coa tendencia a facerse máis dinámica, e culminando este ano con Lois Pereiro, que eu penso que é o Día das Letras Galegas que máis entusiasmos fixo aflorar aquí e acolá.

-¿Non sería mellor facer como na praza da Quintana: un día de vivos e outro de mortos?

-Non hai por que pensar noutro formato. O Día é coma os Pokémon, vai facendo as súas propias transformacións e mutacións. É o gran día da patria galega porque así o quixo o pobo.

-¿Máis que o 25 de xullo?

-Non, doutra forma. É moito máis participativo, plural.

-E a primeira protagonista do 17 de maio, Rosalía, ¿que pensaría de Lois Pereiro?

-Encantaríalle. Lois Pereiro ten algo de rosaliano. Esa demostración dun eu radical é moi rosaliana e ela entendería moi ben a poesía de Pereiro. Sen dúbida.

-¿É Lois o noso Bukowski?

-Talvez, el admirábao moito e mesmo traduciuno. Pereiro tiña a vantaxe de que estaba en contacto directo coa poesía centroeuropea e coa poesía de lingua inglesa, francesa...

-Unha tradición moi galega.

-Si, si, por suposto, de Otero Pedrayo e da xeración Nós. Na literatura galega hai unha corrente de autores e de lectores que ligan coa cultura ultrapirenaica sen pasar polas traducións ao español. E iso fainos moi autónomos.

-Percíbese moi ben en «Conversa ultramarina», onde atopamos que o trilingüismo xa estaba inventado...

-Desde logo. Era un lector e un falante políglota, pero logo era monolingüe como autor, eu desde logo non coñezo poemas de Pereiro en castelán. Cando empezou a publicar en 1975 na revista Loia era moi noviño e xa escribía en galego.

-Desde 1963 hai moito poeta entre os homenaxeados, ¿está a poesía no ADN galego?

-Pois si, sempre di Gamoneda que a mellor poesía que se está escribindo hoxe na península Ibérica é a que se escribe en Galicia, que sempre foi unha potencia poética.

-Pereiro tamén conecta coa tradición da literatura galega, como demostra no poema que lle dedica a Ánxel Fole.

-Cando eu era novo nin a min nin á miña xeración nos interesaba nada Ánxel Fole, parecíanos unha antigalla. Para Pereiro ou Rivas era como un avó encantador, porque non tiveron que rebelarse contra ese tipo de literatura coma nós cando éramos novos. Eles terían que rebelarse contra min, pero non o fan, non sei por que.

-Houbo unha certa polémica sobre se Pereiro era un autor de obra escasa...

-Gutiérrez de Cetrina está nas grandes páxinas da literatura española e é autor dun só madrigal.

-¿Non é cuestión de tamaño?

-Non. Un dos máis grandes poetas da literatura galega no século XX é Díaz Castro, autor dun puñado de poemas. ¿Para que se queren máis?

-¿E cal é o estado de saúde do galego o 17 de maio do 2011?

-En estado de doenza, pero non de morte. Nós seguimos coa teima de que o galego necesita discriminación positiva. E eu aspiro a que todo o mundo en Galicia sexa capaz de usar tantas linguas como Lois Pereiro.

xosé luís méndez ferrín presidente da real academia galega