«Está constatado que arredor dun 15 por cento da poboación mundial ten rasgos de dislexia»


A Coruña/la voz. 11/12/2010 02:00 h

O campus de Elviña acolle estes días as segundas xornadas especializadas de dislexia en Galicia. Unha das responsábeis do evento é a presidenta de Agadix, Carmela Díaz (Narón, 1959), que fai catro anos fundou este asociación que tenta dar saída a numerosos escolares con problemas de dislexia.

-¿Como descubriu a enfermidade na súa familia?

-Cando o meu fillo Carlos tiña cinco ou seis anos escribía de dereita a esquerda. Logo sabía dicir de carrerilla os días da semana pero si lle preguntabas qué día seguía ao martes non o sabía.

-Van xa catro anos de vida de Agadix. ¿Qué atrancos e éxitos tiveron nesta primeira lexislatura?

-Houbo de todo, moitas actividades como charlas en Narón ou Tui, aprendizaxe en lugares como Mallorca ou Madrid, unha colleita de 60 socios e comprobar cómo aínda hoxe en día hai pais que ocultan a dislexia dos seus fillos.

-¿Que é o que máis lle amola da sociedade con respecto a esta doenza?

-Especialmente a actitude dos profesores. Teño mestres que discuten o diagnóstico do meu fillo, resulta moi complicado concienciar, hai moi pouca motivación para ver por qué un alumno vai mal. Xeralmente o profesor ponse de lado do alumno brillante.

-Dislexia é un termo habitual na linguaxe coloquial pero que moi poucos coñecen realmente. ¿Como o explica vostede cando lle preguntan?

-Trátase dunha dificultade de orixe neurobiolóxica. Cando fan escáneres cerebrais a rapaces hiperactivos, descubriron que había outros rapaces que para ler e escribir usaban a parte contraria do cerebro. Eses son os disléxicos. Antes a dislexia era un caixón desastre onde se metían os nenos que non se sabía ben qué pasaba con eles.

-¿Como reaccionan as administracións a este problema? ¿Son sensíbeis?

-Dalgún xeito si, pero logo damos coa falta de motivación dos profesores. Un exemplo: a consellería de Educación puxo ao servizo do meu fillo un ordenador para acompañalo no seus estudos, pero resulta que o orientador do centro di que ese aparello distorsiona na clase.

-¿Cal é o seu reto máis inminente?

-A preparación do profesorado. Está constatado que arredor dun 15 por cento da poboación mundial ten rasgos de dislexia. Se baixamos ao cinco, aí están os afectados máis graves. Iso significa que hai un disléxico por aula. Que cada centro faga o que teña que facer. Carlos foi o primeiro disléxico do seu colexio actualmente xa hai nove.

Votación
2 votos