«Intentaremos que a cultura saia á rúa»

A CORUÑA

Entrevista | María Xosé Bravo Sanxosé A nova concelleira aspira a aumentar o número de visitantes dos museos científicos e atraer máis lectores adolescentes ás bibliotecas municipais

07 jul 2007 . Actualizado a las 07:00 h.

María Xosé Bravo ten fondas raíces militantes no BNG. A súa cuñada é a alcaldesa de Vilasantar, onde o seu marido ocupa praza de concelleiro e antes ela mesma foi concelleira. Traballaba no colexio Vicente Otero, de Carral, como mestra de secundaria. Asegura ter pouco tempo libre, aínda que estes días goza da presenza da súa nai, que habitualmente reside en Barcelona, para gozar das súas habilidades culinarias. «O que fai ela sabe todo rico, especialmente a tortilla de patacas con ovos da casa, porque o resto do ano comemos basicamente ensaladas e iogures», asegura desde o seu despacho na Casa Paredes, fronte a Correos e o Teatro Colón. -¿Qué tal a nova oficina? -Fantástica. Diría que estou na milla de ouro da cultura da cidade, cos teatros, o Kiosco Alfonso e as fundacións nun radio de poucos metros. -¿Qué pensa facer? -Xa dixemos na presentación do noso programa cultural que nós non pretendemos ser o alfa e o omega da cultura na cidade. O noso gran reto será promover unha maior participación social, xa que nesta cidade hai un gran número de entidades asociadas ao mundo da cultura. Non só as grandes institucións, como a Real Academia Galega ou a Universidade, senón moitos colectivos que forman un tecido moi vivo. -¿Cómo pretenden artellar esa maior participación popular? -Queremos sacar a cultura máis á rúa. Aquí hai unha boa programación, pero moitas cousas son en sitios pechados e iso fai que sexan percibidas nalgúns casos como destinadas as elites. E nós temos que escapar de iso. -¿Haberá algún cambio na programación? -Claro. A actual programación ten as súas luces e as súas sombras. A nosa intención e facer querer a cultura galega, que é case tan descoñecida como a nosa historia. E repito que o plan é facer unha programación moi maioritaria, con moitos actos na rúa, teatro, música... -Tamén ten ao seu cargo a xestión dos museos. -Si, e a verdade é que funcionan moi ben. Forman un equipo multidisciplinar moi cohesionado que ademais consegue moi bos resultados. Nese apartado queremos incrementar o número de visitas, que son de setecentas mil ao ano, e que os colexios vaian todos polo menos unha vez cada curso escolar. -¿E as bibliotecas? -Ampliaremos espazo en algunhas e buscaremos fórmulas para captar máis lectores adolescentes.