Hai 67 anos: abría o Cine Basanta en Celeiro

vicente míguez

A MARIÑA

Pechou definitivamente en 1971

25 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A mediados do século XX funcionaban xa varias salas de cine na bisbarra: en Viveiro, o Pastor Díaz, rexentado por Jesús Fojo e os irmáns Fernández de Ortigueira, e o Moderno, administrado por Jesús Fojo Díaz e mailo seu fillo David; tamén contaban no Vicedo cun Cine Teatro, o Avenida, de Justo Infante Trasancos, e no Barqueiro, co Beaz, de 300 butacas (74 nenos, e 226, xeral), propiedade de Antonio Beaz Pereiras, e Cine Barquero, de Manuel Aguiar Castrillón, con 10 cadeiras de brazos, 70 localidades en xeral e 70 para nenos.

O celuloide daba pasta, e a industria cinematográfica fascinaba o planeta: tiñas as rutilantes estrelas de Hollywood na parroquia, aí, a dez metros entre a pantalla e a túa butaca. A fábrica dos soños producía felicidade en tempos de postguerras e penurias.

Un sábado, 26 de Novembro de 1949, o patio con 350 butacas, entreplanta (100 asentos) e xeral (popularmente chamada cazola, 50 asentos) ateigáronse de espectadores ilusionados por asistir á inauguración do séptimo arte en Celeiro. O anuncio do evento movilizou a toda a vila (a propia etimoloxía de cine vén do grego Kineo = mover; mover fotogramas). Ávidos de participaren nun momento histórico para a localidade, serían as primeiras testemuñas da aparición do cinema no porto, unha industria dos irmáns Lumiére que copiaran o invento de Alva Edison, o Kinetoscopio, e patentaron o negocio aberto ao público co nome de cinematógrafo, previo paso da clientela polo despacho de billetes. Et voilà, saiulles de película!

 

Presentou a gala o mago ferrolán Moreno como mestre de cerimonias e de seguido pasouse o inefable NO-DO, aquel noticiario en branco e negro e aguia imperial con inauguracións de pantanos, Semanas Santas en Sevilla e fútbol a galope: todo era goles de Franco, digooo... goles do equipo de Franco. De seguido, o filme Festa Brava, protagonizado pola acuática Esther Wiliams e o chico de rigor, Ricardo Montalbán. Foi a estrea do Cine Basanta, propiedade do celeirés Jesús Basanta Grandío. Prezos: butaca, 5 pesetas; entreplanta, 3, e xeral, 1 peseta.

O edificio, obra do constructor Rego, con escaiola madrileña Arcos iría acomodándose ás innovacións da industria: pantalla normal, panorámica nas cintas da Paramount e Cinemascope nas da Fox; todas, iluminadas arredor como arco da vella.

Con sesións de xoves, sábados, domingos e luns os operadores Guillermo Díaz, Jesús Basanta e o vasco Manuel proxectarían títulos inesquecibles: Doctor Zhivago, Ben-Hur, El último cuplé… Pero dous foron os de máis sona, Lo que el viento se llevó (cóntame Xuxo Basanta que un representante da Metro-Goldwin-Mayer, pegadiño a el, fiscalizou o número de entradas vendidas porque a productora embolsábase unha porcentaxe.

Contrato

O contrato de emisión era por dez días, pero o éxito daquel glamour logrou ampliar cinco xornadas máis, con sesións diarias: Clark Gable foi re-cargable). Lembra Xuxo que outro “taquillazo”, Gigante, suspendérase a emisión dous días por un temporal que derrubara o tendido eléctrico de Lavandeiras. Os nenos da década dos 60 tamén recordamos con agarimo ao dependente da cantina, Francisco Cora, pacientísimo coa marabunta de cativos: -Señor Marinero, un oranxe Crush, tofes de chocolate, a min, galletas Barreal!!!

Os cines das vilas manterán sempre as portas abertas no acerbo sociocultural dos pobos; Cine Basanta pechou definitivamente en 1971, pero segue proxectando a memoria común de Celeiro. As crónicas entrañables e os soños en celuloide ocuparán sempre a primeira fila da nostalxia, rebobinándose sen FIN.

*Vicente Míguez, secretario de Terra de Viveiro.

Abriu o 26 de novembro do ano 1949 cun patio

de 350 butacas