A Mostra de Cine renderá homenaxe ás caras visibles do audiovisual monfortino

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LEMOS

alberto lópez

Empezará a semana que vén e inclúe a proxección gratuíta de catro longametraxes

14 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

A edición número quince da Mostra de Cine de Monforte celebrarase a semana que vén e a seguinte coa proxección de catro filmes e un acto de homenaxe a trece monfortinos que traballan na industria do audiovisual. Trátase, admiten os responsables do cineclube A Calexa, dunha idea que naceu do éxito do cineasta monfortino Dani de la Torre, que o ano pasado triunfou coa súa primeira longametraxe.

Durante as reunións para preparar a mostra, contou onte Alfredo Vázquez, presidente do cineclube local, «houbo quen dixo de facerlle unha homenaxe a Dani de la Torre». Iso deu pé a un debate no que todos estiveron de acordo en que o director de El desconocido merecíao, pero que hoxe hai un bon número de xente en Monforte «con traballos importantes no audiovisual». Así que o que en principio ía ser unha homenaxe persoal acabou convertido nun recoñecemento colectivo.

Os homenaxeados serán, ademais de Dani de la Torre, os tamén directores Héctor Diéguez e Alberto Lobelle, os produtores Paulino Cadórniga, Ana Belén Fernández, Alejandro Mouriño e Iván Patiño, o actor e tamén director Mario Roldán, os compositores Alejandro González e Fabio González, o montador de vídeo Carlos Álvarez, o técnico de son Alejandro García e o fotógrafo e documentalista Manuel Valcárcel.

Tres baixas confirmadas

No cineclub pensan que estes trece nomes son a mellor demostración de que en Monforte existe un sector audiovisual vivo, con facetas diferentes que se propoñen explicar nese acto. «Toda esta xente non xurdiu por xeración espontánea», apunta Alfredo Vázquez. Os organizadores teñen confirmada a presenza de nove dos homenaxeados. Son dúbidas Dani de la Torre e Héctor Diéguez, que virán a Monforte se as súas respectivas axendas de traballo llelo permiten. Alberto Lobelle non vai poder porque está en Madrid traballando na serie El secreto de Puente Viejo. Tampouco estará Carlos Álvarez, que tamén está estes días en Madrid, no seu caso na montaxe dunha longametraxe. O terceiro que xa confirmou que non poderá estar presente é Manuel Valcárcel, que se encontra en Birmania traballando nun documental para Mediapro.

A homenaxe está organizada para o venres da semana que vén e celebrarase na Casa da Cultura. Presentado pola xornalista manola Porto, incluirá a proxección de pezas audiovisuais que resumen as súas respectivas traxectoria profesionais.

Catro títulos a a proxectar

En calquera caso, a parte central da mostra será a proxección dos filmes elixidos. Igual que nos últimos anos, poderanse ver nos cines Hollywood e a entrada será gratuíta.

Tal e como explicaron onte Alfredo Vázquez e Carlos Cortiñas, o secretario do cineclube, na presentación do certame no Centro do Viño, esta vez non serán media ducia de películas, senón catro. «As distribuidoras son cada vez máis caras e as axudas públicas cada vez máis cativas», explican. Os títulos elixidos son 13 minutos para matar a Hitler, La juventud, Tarde para la ira e Os días afogados. Esta última é o documental producido por Lois Patiño, precisamente un dos homenaxeados na mostra deste ano, que foi galardoado da última edición dos premios Mestre Mateo.

Luns 17

«13 minutos para matar a Hitler»

22:30 horas. Cines Hollywood Filme alemán dirixido no 2015 por Oliver Hirschbiegel que narra a historia real do carpinteiro George Elser e o seu intento de matar a Hitler en Munich en 1939

VENRES 21

Homenaxe ao audiovisual monfortino

20:30 horas. Casa da Cultura

Os homenaxeados son Dani de la Torre, Héctor Diéguez, Alberto Lobelle, Paulino Cadórniga, Ana Belén Fernández, Alejandro Mouriño, Iván Patiño, Mario Roldán, Alejandro González, Fabio González, Carlos Álvarez, Alejandro García e Manuel Valcárcel

martes 18

«Os días afogados»

22:30 horas. Cines Hollywood

Documental dirixido no 2015 por César Souto e Luís Avilés e producido pola monfortina Amanita Films. Conta, con imaxes gravadas polos veciños, o anegamento en 1992 baixo o encoro de Lindoso das aldeas de Aceredo e Buscalque

LUNS 24

«Tarde para la ira»

22:30 horas

Cines Hollywood

Filme de intriga dirixido no 2016 por Raúl Arévalo e protagonizado por Antonio de la Torre, Luis Callejo, Ruth Díaz que narra a saída do cárcere dun atracador que quere cambiar de vida

martes 25

«La juventud»

22:30 horas

Cines Hollywood

Drama italiano do ano 2015 que compón un retrato nostálixico da madurez, dirixido por Paolo Sorrentino, con Michael Caine, Harvey Keitel e Rachel Weisz como protagonistas