Quirópteros (paisaxe crepuscular)

AGUSTÍN AGRA

BARBANZA

Só tres especies das 1.200 coñecidas no mundo son hematófagas

29 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Nocturnos e esquivos. Fillos da noite. Capaces, coas súas pequenas orellas, de escoitar o eco dos sons que eles mesmos emiten para localizar as súas presas; mais, das 24 especies identificadas ata agora en Galiza, ningunha se nutre de sangue. De 1.200 especies arestora coñecidas no mundo, só tres -en zonas tropicais de América- son hematófagas: efectúan unha lene incisión na pel da vítima e lamben o seu sangue, que flúe grazas a un anticoagulante presente na saliva.

Se entre nós hai vampiros, eventualidade que non descarto por completo, haberá que buscalos noutro lado, mais non entre os morcegos.

Teño xogado a cazalos na horta da casa materna. Lanzaba ao aire o gorro de la co que me abrigaba en inverno e, se acertaba a interpoñelo na súa traxectoria de voo, caían ao chan enguedellados na prenda. Porén, unha vez apreixados, alén de marabillarme cos seus trazos morfolóxicos e de intentar identificalos cunha guía na man, xamais lles fixen falcatruada ningunha: nin os obriguei a fumar meténdolles un cigarro na boca nin, menos aínda, os crucifiquei chantándoos contra unha porta. Limiteime a observalos, nos seus crepusculares voos alimenticios, o día que meu avó me preveu da súa transmisión da rabia.

A rabia, infección no sistema nervioso case sempre mortal provocada por un virus, transmítese aos humanos pola mordedura de cans, lobos e morcegos previamente infectados.

Síntomas da rabia

A enfermidade maniféstase na fase clínica como unha encefalite -o albo predilecto do virus é o sistema límbico, centro de control das nosas emocións e a nosa conduta- cuns síntomas similares aos da progresiva transformación da vítima en vampiro; o que explica, de xeito científico, o mito. Insomnio e fotofobia, sexualidade desaforada, agresividade e rabia furiosa. Os espasmos musculares na farinxe, frecuentes nesta altura, provocan no paciente sons roncos e afogados; retracción dos beizos -facéndolle amosar os dentes como se fose un animal-; dores intensas ao intentar tragar a propia saliva -facendo que esta se acumule, gotee da boca e forme escumallos- ou a auga: a hidrofobia pola cal se coñece tamén esta doenza.

Pesadelos, alucinacións e os accesos de furor maníaco causados pola luz, os ruídos, ou ver a propia imaxe reflectida nun espello, completan o coñecido referente visual: o arquetipo vampírico cinematográfico.

Creo nos bebedizos de namorar -calarei por pudor onde radica a cerna das miñas certezas-, mais fago oídos xordos a quen afirma que beber o seu sangue trae o amor, leva á eterna vixilia ou que provoca, mesturado con viño, a morte ou a tolemia.

Creo que entran en casas e igrexas atrás dos insectos que acoden ás luces, non do aceite das lámpadas.

Creo no papel polinizador dos que teñen hábitos fruxívoros, na dispersión de sementes e no control biolóxico de pragas dos insectívoros; na súa importancia na biotecnoloxía (implantes para xordos e técnicas con ultrasóns) e na medicina (na eficacia da encima da súa saliva no tratamento dos derrames cerebrais).

E creo tamén que quen bota a man a un morcego con intencións avesas anda na busca, á mantenta, dunha dolorosa trabada.

Os morcegos son fillos da noite pero ningún dos que hai en Galicia se nutre de sangue