Queres ser un explorador científico?

Patricia Barciela

CIENCIA

Para explorar o mundo coma un científico só necesitas unhas poucas ferramentas que están na mente. Na imaxe, dúas participantes nunha feira científica escolar
Para explorar o mundo coma un científico só necesitas unhas poucas ferramentas que están na mente. Na imaxe, dúas participantes nunha feira científica escolar MIGUEL VILLAR

Pois afina as ferramentas que tes na túa mente: observa, compara, mide, faite preguntas, anota

22 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A ciencia é unha forma de explicar como funciona o mundo. E utiliza unhas ferramentas para facelo. Ferramentas da mente. Este instrumental pode axudarche a pensar diferente sobre un problema ou a examinar unha situación dunha nova forma. Habitualmente estamos tan ocupados que non nos queda tempo para prestar atención ao mundo que nos rodea. Detente só un momento: observa, escoita, cheira, saborea… explora. A túa cociña, o parque, a praia, a túa bañeira, o campo poden ser os escenarios. Descubrirás infinidade de cousas que se che pasaron por alto ata agora.

 

AS FERRAMENTAS DA CIENCIA

Se queres aprender a explorar o mundo como fan os científicos, estas son as ferramentas que necesitas:

 

1 Presta atención ao que habitualmente che pasa desapercibido

 Andamos tan leados que non pomos demasiado interese no mundo que nos rodea. Detente un momento e observa… Descubrirás infinidade de cousas nas que nunca repararas.

 2 Compara

 É un truco que che axudará a deterte e observar con atención. Como son de diferentes dous obxectos? Ou como son de iguais? Sorprenderaste máis dunha vez ao ver que existen diferenzas entre dúas cousas que ao principio parecían iguais. Por exemplo, como son de diferentes un billete falso dun verdadeiro?

 3 Faite preguntas

 Facerse preguntas e intentar respondelas é fundamental para intentar explicar como funciona o mundo. Algunhas destas preguntas pódense responder experimentando. Unha boa forma de adoitarse a facerse preguntas é empezar por un «que sucedería se...». Que sucedería se lle boto máis vinagre a un merengue? Que sucedería se poño unha salchicha momificada na neveira? Que sucedería se as miñas orellas fosen o dobre de grandes?

 4 Experimenta para comprobar as túas ideas

 Tes unha pregunta. Agora hai que experimentar para buscar as posibles respostas. Iso si, hai un detalle moi importante. Cando fagas un experimento introduce un cambio cada vez e observa que sucede. Si fas moitos cambios á vez non poderás saber cal provocou a diferenza. Por exemplo, podes usar zume de laranxa en lugar de vinagre para facer un merengue. En que se nota este cambio? Móntase máis rápido ou máis amodo?

 5 Fai predicións

 Cando fas unha predición, intentas supor que vai suceder a próxima vez que repitas un experimento. Estás facendo unha suposición, pero con fundamento. É dicir, que fas as túas suposicións despois de experimentar e pensar sobre o que sucedeu previamente. Entón, tes unha idea sobre como funciona algo. Facer unha predición (e entón experimentar para ver que sucede) axudarache a saber se a túa idea é correcta.

 6 Medir e contar

 Ás veces, cando fas un experimento, obtés resultados que podes medir. Por exemplo, podes medir como de alta é a torre que podes construír con merengue.

 7 Tomas nota dos teus descubrimentos

 Chega un momento en que é necesario rexistrar o que vas observando, xa que a túa memoria non é suficiente. Podes apuntar os datos que obtés, tomar notas do que observas, facer un gráfico...

 8 Explica o que observas

 Tiñas unha pregunta, experimentaches, mediches, tomaches notas... Agora toca pensar. É neste momento cando a experimentación ten moito en común co traballo dun detective. Ambos buscan as evidencias que lles achegan as probas e elaboran unha explicación que se basea nesas evidencias. Que probas, que resultados che fan pensar que a túa explicación é correcta? Talvez outros experimentos poderían achegarte máis probas? Hai outras explicacións posibles para explicar o que sucedeu? Podes relacionar o que observas con algo que ti xa sabías?

 9 Comparte a túa experiencia

 Os científicos comparten con outras persoas os seus descubrimentos. Falan con outros científicos. Ás veces, esoutros científicos non están de acordo coa explicación e entón discuten os resultados, propoñen diferentes explicacións ou suxiren outros experimentos.

 Experimentos para explorar

As túas impresións dixitais

Ninguén no mundo ten unhas impresións dixitais como as túas.

O que necesitas

  • Tinta da que se usa para mollar os selos
  • Unha cartolina tipo cartón
  •  Un compañeiro (para comparar as túas pegadas coas súas)
  • Unha lupa

AO CHOIO

1. Preme o teu dedo sobre a tinta para obter unha fina capa de tinta na túa pel.

2. Coloca o teu dedo polgar dereito na cartolina e vírao con coidado de lado a lado, premendo. Poida que teñas que probar varias veces para conseguir que a tinta non esborranche.

3. Fai unha pegada de cada dedo polgar. Son diferentes?, como son?

4. Pide a un amigo que faga a pegada do seu polgar. Compara a súa pegada co do teu. Podes usar a lupa para observalas máis de preto e comparar mellor.

FERRAMENTA DE EXPLORACIÓN: Compara dúas cousas: como son de iguais?, como son de diferentes?

Bótalle unha man ao teu oído

Que é o primeiro que fas cando non oes a alguén? Queeé? E o segundo? Pois bótalle unha man ao teu oído, xa verás como funciona!

O que necesitas:

  • Unha fonte de son (un amigo, unha radio, a tele...)
  •  A túa man
  •  Un folio
  •  Cinta adhesiva

AO CHOIO

1. Inicia a túa fonte de son. Se se trata dun amigo, comeza a falar con el.

2. Escoita o son durante un minuto.

3. Agora curva a túa man arredor da parte de atrás da túa orella. Cambia o son?

4. Enrola o papel formando un cono. Fai que un extremo sexa o suficientemente pequeno para apoialo no interior da túa orella, sen entrar na canle auditiva (o orificio da túa orella). Fai que o outro extremo do cono sexa o máis grande posible. Pega o cono con cinta adhesiva para que manteña a súa forma. Construíches unha trompetiña!

5. Coloca o extremo pequeno do cono na túa orella. Move o cono de forma que o extremo grande se afaste da fonte de son. Que sucede co son?

6. Move o cono de forma que o extremo grande se dirixa cara á fonte de son. Que sucede agora?

Que sucede?

A túa orella atrapa o son e diríxeo cara á canle auditiva. Cando curvas a túa man arredor da túa orella, estás a usar un captador de son máis grande. Esta simple acción leva máis son á túa orella.

O papel en forma de cono é un captador de son aínda máis grande que a túa man. É basicamente unha trompetiña, un antigo dispositivo para axudar ás persoas con perda de oído.

FERRAMENTA DE EXPLORACIÓN: Facer predicións: cando fas unha predición, intentas explicar o que sucederá a próxima vez. Que crees que sucederá se constrúes unha orellas de papel tipo elefante? E unhas orellas con forma de coello? Proba e verás.

Baloncesto pirata

Quen se anima a xogar un intre ao baloncesto pirata?

O que necesitas

Un parche ou unha banda de tea negra

Unha pelota de baloncesto

Unha canastra de baloncesto ou outro tipo de elemento para encestar

AO CHOIO

1. Tapa un dos teus ollos cun parche escuro.

2. Xoga ao baloncesto!

3. Ss xogas con amigos que tamén teñen un ollo tapado, cada canastra que encestes conta o dobre.

Que sucede?

Paréceche que xogar ao baloncesto pirata é máis difícil? Es o único que cando pilla a bóla pregunta: «E agora cara a onde vou»?

A túa visión periférica permíteche ver se hai algo aos lados cando estás a mirar cara adiante. Pórte un parche no ollo reduce a túa visión periférica no lado que tes tapado. S a pelota bota por ese lado, non vas poder vela ata que a teñas diante de ti.

Ademais, tapar un ollo tamén afecta á túa percepción de profundidade, que é a capacidade do teu cerebro para saber a que distancia están as cousas. Perdiches a pelota cando intentabas collela? Fallaches o tiro cando intentabas encestar? Pois é por levar un parche. Necesitamos os nosos dous ollos para xogar ben!

 FERRAMENTA DE EXPLORACIÓN. Experimenta para comprobar as túas ideas: podes pensar nalgunha forma de mellorar o teu baloncesto pirata? Notas que melloras a medida que practicas? Experimenta e observa.