Isabel Rebollido Vázquez: «Os cometas son os fósiles que posuímos para explicar a formación planetaria»

antón parada RIBEIRA / LA VOZ

CIENCIA

MARCOS CREO

A astrofísica integra un grupo de científicos que acaba de descubrir a segunda estrela de maior nivel de material exocometario

22 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Durante corenta anos, a estrela coñecida como Beta Pictoris foi ese punto do universo no que todos os científicos fixaban a vista para indagar nos estudos da formación de planetas, a razón da súa alta presenza de cometas. Cando estes corpos celestes se desprazan moi preto dun planeta, o material polo que están formados evapórase deixando un rastro que constitúe unha base de datos vital para a ciencia. Isabel Rebollido Vázquez (Boiro, 1989) é o nome da astrofísica galega que integra o equipo Ontherocks da Universidad Autónoma de Madrid (UAM), e que contará na súa tese de doutoramento cun estudo conxunto que eleva á estrela Fi Leo ao segundo posto en presenza de cometas, só por detrás de Beta Pictoris.

-¿Podería resumir ese estudo?

-Intentamos conectar distintas fases da formación planetaria e dos eventos que ocorren en estrelas de secuencias principais (por exemplo, a fase na que se atopa o sol), coas etapas máis vellas das estrelas, cando non teñen combustible nuclear. Tamén estudamos se existe algún tipo de relación cos cometas e asteroides que as habitan e poden acabar caendo nelas, ou se este factor incide na creación de planetas.

-¿Que supón para a ciencia o descubrimento desta característica de Fi Leo?

-Os cometas son os fósiles que posuímos para explicar a formación planetaria. É dicir, a efectos serían como os elementos primitivos que nos quedan para entendela. Atopar este tipo de obxectos noutros sistemas axúdanos a reconstruír o proceso de creación de planetas fóra do noso sistema solar. Mais iso non quere dicir que comprendamos como se formaron aquí, senón que nos serve para construír unha fotografía máis global.

-¿Este avance reforza algunha teoría ou liña de investigación?

-Nós baseámonos na teoría máis estendida, pola que as estrelas se forman en disco. Nese proceso aparecen tamén os planetas e os corpos máis pequenos como asteroides e cometas. Estes últimos son os que buscamos, porque a información perdura moitísimos anos.

-¿Canto tempo leva integrando o grupo Ontherocks da UAM?

-Levo un ano participando nas investigacións, que formarán parte da miña tese doutoral. Dentro do equipo que lidera Eva Villaver analizamos sistematicamente un cento de estrelas.

-¿Que recursos empregaron para desenvolver este proxecto?

-Na investigación empregamos os telescopios Mercator e Not de La Palma e o de La Silla en Chile. Así temos datos dos dous hemisferios e a maiores tamén estamos utilizando datos de arquivo tomados noutros observatorios que están a libre disposición. O estudo de Fi Leo forma parte dun proxecto máis amplo que se prolongará dous anos máis. Se todo vai ben, creo que a investigación será renovada. Ademais, as observacións retomaranse de novo nos vindeiros marzo e abril.

-Para facernos unha idea, ¿cales son as principais diferenzas existentes entre as estrelas Beta Pictoris e Fi Leo?

-A principal vantaxe coa que conta Beta Pictoris é que se descubriu un planeta no seu sistema. As outras diferenzas baséanse na idade e na súa distancia dende a Terra. Beta Pictoris está moito máis preto, a 19 parsecs, e ten preto de 20 millóns de anos. Pola contra, Fi Leo é moito máis vella, cunha datación estimada de entre 500 e 900 millóns de anos. Para ter unha referencia temporal, o noso sol ten, aproximadamente, 50.000 millóns de anos.

-¿Por que é importante que Beta Pictoris teña un planeta dentro do seu sistema?

-Fixeron falla trinta anos de investigación para atopar ese planeta. Se aparecese outro no sistema de Fi Leo, sería unha proba máis que apoiaría a teoría da formación de planetas en disco.