«Non todos os políticos cren en Neria como aglutinador da Costa da Morte»

Ana Gerpe Varela
A. Gerpe RIBEIRA / LA VOZ

ZAS

MARCOS CREO

Deixou a presidencia da entidade hai dúas semanas e afirma que tomou a decisión para que se salve a entidade

19 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O presidente da patronal de Mazaricos, Javier González (Mazaricos, 1968), accedeu á presidencia de Neria no 2014, e afirma que cando chegou xa non era un momento doce para a entidade, pero que asumiu o reto porque «pensaba que se podía reconducir a situación, e intenteino». Hai dúas semanas deixou o cargo, seis meses antes de que expirase o prazo do seu mandato.

No caso de Javier González dáse unha situación particular, porque a entidade que dirixe pertence a Neria, pero o Concello de Mazaricos abandonouna hai un ano, como tamén o fixeron os de Zas, Cabana e Malpica. Dos doce iniciais quedan oito.

-Deixa a presidencia a uns meses da convocatoria de eleccións, cando parece que a situación de Neria é irreversible. Parece que é unha fuxida.

-Non marcho a correr, voume para que se salve a entidade. Eu xa fun declarar ao xulgado e non escapei. Despois de darlle moitas voltas á situación e ver que ninguén se pon en serio a botar unha man, creo que esta é a maneira máis eficiente de que os que realmente se van quedar, porque son membros natos, tomen as decisións necesarias.

-¿Cal é a solución?

-Hai que ir a un concurso de acredores, como di a Deputación, pero para iso precisamos diñeiro e a entidade non ten cartos na caixa. Eu non os vou poñer do meu. Quédanse as Administracións e deberán decidir que fan. Eu non marcho porque non crea na entidade, fixen todo o posible para que saíse adiante. Penso que quedan os que poden salvarse.

-Afirmou que Neria sairá adiante se os políticos queren. ¿Considera que pode que non haxa vontade?

-Non podo facer unha valoración dese tipo, aínda que non todos os políticos cren en Neria como ente aglutinador da Costa da Morte. Todo o mundo se pregunta se sairá adiante ou non, eu penso que sería bo que continuara porque na Costa da Morte non hai outro colectivo que poida facer o traballo que fixo Neria.

-Xógao todo á carta política, ¿pero algunha responsabilidade terán o resto dos integrantes?

-Creo que o resto son menos responsables, aínda que é certo que as decisións adóptanse por maioría e os concellos non son os maioritarios. Non entanto, eles son os que teñen o poder. Por exemplo, a responsabilidade da asociación empresarial de Mazaricos non pode ser igual que a dun concello, por iso eles son membros natos. Agora ben, ao mellor non souberon ver no seu día o que se lles ía das mans. Economicamente non se deron conta de que un crédito de máis dun millón de euros ía ser difícil de pagar se algo se torcía.

-As débedas superan o millón de euros. ¿Non se acometeron proxectos demasiado ambiciosos para unha entidade cunha fonte de ingresos moi concreta?

-O centro do coñecemento de Cee marcou o rumbo de Neria. Pediuse un crédito a moi longo prazo contando cuns cartos que tiñan que chegar de forma moi puntual. A entrada do diñeiro comezou a fallar e tamén outras cousas, porque con parte dos cartos dunha subvención recibida para redactar o proxecto compráronse os terreos que, realmente, xa tiñan que estar cando se presentase a proposta de actuación.

-¿Tiña sentido o centro do coñecemento?

-Si que o tiña e o conselleiro de Industria falou del. Era un viveiro de empresas, un lugar para que os empresarios traballasen de xeito conxunto.

-¿Houbo máis proxectos que se quedaron no camiño?

-O centro de coñecemento do mel, cerca dos Batáns do Mosquetín, que non hai que esquecer que foi Neria quen os puxo en valor. O centro do mel era interesante, pero quedouse parado. No caso do Concello de Mazaricos, a posta en marcha dun viveiro de empresas. Había unha subvención concedida e o Concello tiña que ceder un local, concretamente a cámara agraria vella. Ao final non se fixo nada. Cos faros da Costa da Morte tamén había iniciativas moi interesantes, pero só chegou a realizarse o de Camariñas.

-A entidade depende das subvencións, algo un pouco arriscado para plans tan cuantiosos economicamente falando.

-Non se buscou unha fonte de financiación propia e cando se quixo facer era tarde.

-Vostede afirma que os concellos deben as cotas do ano pasado, as deste, no caso dos que continúan, e que tamén hai cartos pendentes da Deputación. Ao marxe das subvencións, estes ingresos son vitais. ¿Hai algún punto de inflexión, que explique como se chega a isto?

-Creo que foi por cuestións políticas. Hai un momento no que Neria empeza a ter dificultades, cando apoia a construción da ITV no municipio de Zas. Parece ser que o PP non quería a ITV aí e cando chega Diego Calvo á presidencia da Deputación empezan a retrasarse os pagos e chegan os problemas. Cando chego eu á presidencia debían as cotas de anos anteriores e un responsable de Intervención da Deputación veu facer unha auditoría para pagarnos. Parecía que todo estaba correcto, pero dixéronnos que tíñamos que facer un plan económico. Xa tiñamos o crédito pedido e xa se despedira a parte do persoal. Elaboramos o plan e pagáronnos, pero ao ano seguinte estabamos igual. Tíñamos débedas coa Seguridade Social e con Facenda e eu fun falar con Diego Calvo para fora o ente provincial o que, cos cartos que nos tiña que dar pagase as débedas. Respondeu que non podía, e tiña a súa razón, pero tratábase de buscar unha solución. A cuestión é que as cousas foron cada día a peor. Ata a actualidade.