Primeiro Simposio Dolmen de Dombate: fonte de inspiración

La Voz

ZAS

Os mércores de setembro serán xornadas de análise no megálito

06 ago 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Os mércores de setembro. Unha vez rematado o mes de agosto seguirá a actividade. Para setembro, de feito, está previsto xa o primeiro Simposio Dolmen de Dombate, que se levará a cabo todos os mércores no Centro Arqueolóxico. Un pequeno avance:

Mércores 7 de setembro. José María Bello, arqueólogo e director das primeiras excavacións no megálito, descubrirá algúns dos seus segredos. Rafael Quintiá, antropólogo social e cultural, aportará unha visión de Dombate dende o eido da antropoloxía. Finalmente, Fernando Carrera (Escola de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia) e Marién González, Cristina Rodríguez e Susana Rodríguez (bolseiras de restauración da Deputación da Coruña) afondará no estudo e conservación das pinturas.

Mércores 14 de setembro. José Manuel Yáñez, xefe do servizo de Arquitectura e Mantemento da Deputación, e Fernando Cebrián, arquitecto e autor do Plan Director de Dombate, abordarán a protección e posta en valor do dolmen. Logo, Francisco Vidal, da Escola Técnica Superior de Arquitectura, incidirá particularmente no Centro Arqueolóxico. Jesús Ángel Sánchez, doutor en Historia da Arte, tratará a protección e posta en valor do patrimonio, incluíndo unha visita guiada ás Torres do Allo. Alí, Os Quinquilláns escenificarán a súa historia con Pazos da Terra.

Mércores 21 de setembro. A cargo de Galipat, tarde de dinamización didáctica e cultural, con Dombate como espazo de actividades: exhibicións de arqueoloxía experimental e talleres didácticos sobre a prehistoria. Rosalía Fernández recitará poesía: Dombate como fonte de inspiración literaria. Logo, actuará o grupo Oîma: Dombate como fonte de inspiración da música.

Mércores 28 de setembro. Excursión en tren pola parroquia de Borneiro, un museo ao aire libre. Guiaraa Felipe Senén López.

Este Simposio é unha actividade certificada con 16 horas polo Centro de Formación e Recursos do Profesorado, e na que colabora Concello, Deputación e Educación.