Vistas e visitas

Santiago Garrido Rial
Santi Garrido PICO DE MEDA

ZAS

28 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

OCatálogo das Paisaxes de Galicia xa elaborado, e que se está presentando e debatendo por todas as comarcas, dálle a estes lugares, por fin, a entidade que sempre deberon de ter e que, máis que negarlla, ignorábase. Sexamos claros: se dende hai anos temos algúns dos mellores observatorios de Galicia é grazas ao lixo e ás antenas, non aos seus valores. Teño subido algunhas veces ata o Son, en Cee, cando alí só estaba o vertedoiro, e tamén ata Miñóns, en Dumbría (o mesmo), onde o panorama é ben superior ao máis afamado duns metros abaixo do Ézaro (pero impresionantes, ambos), que por certo ten a placa que ten polo depósito da auga, non polo lugar en si mesmo. Ou, sen ser tan alto, ata o de san Adrián de Malpica, aínda que neste caso quedaba algo antes do cumio, por onde está o control marítimo. Unha antena, para entendernos, que tamén ten, grande, o Chan das Lagoas de Berdeogas, que nin é chan nin ten lagoas. E, de non ser por ela, ata alí habería que ir atravesando toxos. Tamén para subir ata o Pico de Meda, en Zas, fixeron unha pista no 87. O poste de Telefónica e os eólicos (outra razón máis) axudaron a poder gozar unha das grandes panorámicas da Costa da Morte, aínda que estas cousas non se poden decidir nin nunha votación. Tamén se asfaltou a do Monte Faro ou a de San Bartolo de Vimianzo, ou a do monte Neme, ou a da Pena Gallada de Golmar onde se instalou un aeroxerador. O lugar, límite de parroquias como Santa Marta (outro imprescindible, e con bo acceso dende non hai moito) merece moitas visitas con tempo.

A ver se o Catálogo garante que as vistas futuras non dependan só da industria.